Carmela Silva expresa a súa "indignación profundísima" pola denominación de "violencia intrafamiliar"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou a súa "indignación profundísima" co Partido Popular, Cidadáns e VOX debido a que os partidos de Casado e Rivera aprobaron as esixencias da ultradereita de Abascal desnaturalizando a loita contra a violencia machista ao adoptar a terminoloxía de "violencia intrafamiliar".
"Ese é un paso atrás intolerable e non llo imos a consentir", dixo.
"Que saiban que imos saír ás rúas as mulleres", advertiu Carmela Silva, "e cando nós saímos á rúa que trema o mundo".
A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que as mulleres "somos o 52% da poboación" e que "imos liderar a loita contra estes partidos" xa que "non imos consentir nin un paso atrás", engadiu.
Neste sentido, o vindeiro luns 17 de xuño ao mediodía o goberno provincial colgará dúas grandes pancartas na fachada da Deputación de Pontevedra para lembrar os nomes das mil mulleres asasinadas en España polo machismo desde 2003, ano no que comezaron a existir estatísticas. Será unha iniciativa "con toda a dignidade dun gran acto", comentou.
"Non hai nada máis importante que a loita polos dereitos civís", insistiu.
Segundo explicou este venres en rolda de prensa a presidenta da Deputación, esta será unha "acción activa contra as violencias machistas que matan as mulleres cuxos nomes non poden caer no esquecemento".
Silva sinalou que "esta situación tan grave e dramática interpela a todas as mulleres e os homes para dicir xa abonda".