Tráfico intercepta en dous días a catro reincidentes conducindo co carné retirado
Por Oskar Viéitez
O equipo de vixilancia de condutores reincidentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra sorprendeu en apenas dous días a catro condutores que, ou ben tiñan esgotados os puntos do permiso de conducir, ou ben o tiñan retirado mediante sentenza xudicial firme.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil. o primeiro dos casos detectouse á primeira hora da mañá do pasado mércores no municipio de Vilanova de Arousa, cando os efectivos do equipo interceptan a un condutor de 36 anos que tiña esgotado o saldo de puntos do seu permiso de condución.
Apenas dúas horas despois, sobre as 11,00 horas, detectaron a outro condutor reincidente no quilómetro 7,800 da estrada PO-549, tamén no municipio de Vilanova de Arousa. Nesta ocasión, o condutor, de 64 anos, ademais de acharse privado do dereito de conducir mediante resolución xudicial, arroxou unha taxa de alcol penalmente relevante, de 0,80 e 0,82 mg/l en ambas as probas. Este usuario, nos dous últimos anos viuse implicado en dous accidentes de circulación nos que tamén arroxara resultado positivo en alcol.
O terceiro caso produciuse durante a mañá deste xoves á altura do quilómetro 18:500 da estrada PO-308. Un veciño de Sanxenxo, de 42 anos, foi sorprendido á altura da rotonda de Portonovo cando conducía con perda de vixencia do permiso, por ter esgotado o seu saldo de puntos.
A cuarta incidencia concluíu, do mesmo xeito que nos casos anteriores, coa investigación penal dun veciño de Meis, de 35 anos, que foi sorprendido na autovía do Salnés, cando conducía un vehículo, tendo retirado o permiso por resolución xudicial, ata o mes de abril de 2020.
En todos os casos, os condutores foron investigados penalmente como supostos autores dun delito contra a seguridade viaria.