Visitar Ponte Caldelas, un luxo para os sentidos
A auga forma parte da paisaxe de Terras de Pontevedra, tanto nos municipios costeiros como nos dos interior. É o caso de Ponte Caldelas, coñecida como vila termal, que recibe o seu nome da ponte e das súas augas termais. As súas rúas e prazas teñen un engado especial de casco urbano pequeno pero coqueto, no que chama a atención o nobre das construcións, e a pegada da emigración nas casas de indianos.
De Ponte Caldelas destaca a beleza natural da paisaxe, sobre todo as ribeiras do Río Verdugo, que atravesa o municipio cun mesto arbolado autóctono nas súas marxes, e que ao seu paso pola vila se remansa nunha paisaxe idílica de paseo fluvial con pontes de madeira. A fermosura dos recursos fluviais do Verdugo non se cinguen á vila, xa que que ao longo do río hai distintos lugares especialmente agradecidos como son os Pasos da Fraga e o Paseo que leva á Praia fluvial da Calzada.
A Praia Fluvial de Calzada ten 250 metros de lonxitude e recibe uns 250 visitantes de media ao día no verán. Trátase dunha zona de baño formada por unha presa de pedra nun bosque de ribeira de bidueiros, castiñeiros e carballos.
O mellor xeito de achegarse á Calzada é paseando desde o centro da vila. Dende a ponte que cruza o Río Verdugo en Ponte Caldelas parte un pequeno paseo de menos de 900 metros que percorre a ribeira do río ata chegar á Praia. O paseo conta con iluminación, un coidado mobiliario urbano e unha senda que percorre o río. A escasos minutos andando pola senda localízase a Praia Fluvial da Calzada, que ocupa un amplo lugar de esparexemento. Outra das opcións para chegar é mediante vehículo, pois cómpre destacar o grande aparcadoiro do lugar.
A Calzada conta con todos os equipamentos para pasar un día inesquecible: aguas limpas e cristalinas, cualificadadas como excelentes na tempada 2015, con zonas de baño especializadas para adultos, nenos e mesmo para animais, e dous parques, un infantil e outro biosaludable. Conta tamén cun bar e un merendeiro. Tal é a calidade dos seus servizos, que foi recoñecida coa primeira bandeira azul fluvial de España.
Os 'pasos' permiten vadear o río no antigo camiño Ponte Caldelas - A Lama. Para chegar aos Pasos da Fraga debemos tomar a saída de Ponte Caldelas en dirección á Cañiza; antes de chegar a Caritel, tomamos o desvío da esquerda para As Fragas; seguindo o coto de pesca chegaremos a Os Pasos. A beleza deste lugar non radica unicamente na curiosidade destas pasarelas para atravesar o río, senón tamén nos muíños, petos de ánimas e, por suposto, a magnífica paisaxe fluvial que se ergue ante os ollos do visitante.
De inigualable beleza natural son as fervenzas coas que nos agasalla o río Verdugo no lugar da Roca, ao que deberemos acceder pola outra beira do río. Para poder visitalas desde o núcleo de Ponte Caldelas, haberá que partir dirección a Pontevedra e tomar á esquerda por Cuñas ata atopar, a uns 2 quilómetros aproximadamente, a central hidroeléctrica. Desde alí, remontando o río con certa dificultade entre grandes penedos, o visitante obterá a súa recompensa na magnífica paisaxe que configuran as fervenzas.
Tamén é destacable a presenza de bosques autóctonos, como a Carballeira de Caritel, e excelentes miradoiros, como o Miradoiro do Casteliño, ao pé da Capela do Sagrado Corazón, ou as vistas que permiten os montes de Pe da Múa ou os altos da Serra da Castrelada.
No tocante ao patrimonio construído, Ponte Caldelas ten algunhas igrexas realmente relevantes, como a románica de Santa María de Tourón ou a barroca de Santa Baia, que é inicio dun viacrucis que remata no Sagrado Corazón. Tamén podemos salientar a Igrexa de San Martiño de Xustáns, do século XVII.
Emporiso, o seu patrimonio máis relevante é rupestre, representado tanto pola Área Arqueolóxica de Tourón, un dos conxuntos de petróglifos máis importantes de Galicia e posuidor dun centro de interpretación, como pola existencia doutras estacións rupestres relevantes e habilitadas para a visita, como acontece coa estación de Campo de Cuñas, onde se atopa a espectacular Pedra do Cervo.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: terrasdepontevedra.org/descarga-app