Piden que non se arrinquen as novas plantas de duna con interese biolóxico aparecidas en Beluso
Por Redacción
A asociación Anduxía traslada a aparición durante os últimos anos dun importante número de plantas de duna con interese biolóxico. Estes exemplares floreceron na praia de Beluso, na zona máis próxima ao peirao próximo ao paseo de madeira.
A máis abundante destas plantas é a Eiruga mariña (Cakile marítima), unha planta que crece nas zonas de arribazón dos areais e que se nutre dos materiais orgánicos que traslada a marea, como restos de algas ou paus. Ademais, gústalle a salitre procedente do mar e comeza a proliferar por esta zona.
Segundo esta asociación, tamén atoparon outras plantas de interese como a Melga de Mar (Medicago mariña), o Pirixel de mar (Crithmum maritimum) e as "Collejas de mar" (Silene marítima).
Fronte a estas especies, os integrantes do colectivo alertan da presenza de gramón, unha especie invasora que debe arrincarse sempre que sexa posible.
Con todo, piden que nin se corte nin se arrinque as outras plantas dunares durante os traballos de limpeza das praias debido ao interese biolóxico que teñen. Anduxía ofrécese ao Concello para asesorar sobre estas plantas de praia e de duna.