Luisa Piñeiro, reelixida alcaldesa de Moraña
Por Oskar Viéitez
A popular Luisa Piñeiro foi reelixida alcaldesa do Concello de Moraña nun pleno de investidura celebrado este sábado.
É a terceira vez que toma posesión como rexedora, un nomeamento que no seu discurso cualificou coma de "moi especial", porque "a mistura de ledicia, orgullo, emoción e nervios sempre está presente. É algo moi intenso e especial polo que supón e polo que permite".
A alcaldesa asume esta responsabilidade coma una nova oportunidade de seguir co proxecto que ten en marcha para Moraña "que se basea na seriedade, no rigor, na estabilidade, na atención cercana e tamén na ambición para seguir medrando e mellorando a calidade de vida de todos".
Así, para este mandato prometeu "afondar nas políticas de emprego", seguir modernizando e humanizando o casco urbano do municipio e complementar a rede de servizos nas parroquias.
Por último, Luisa Piñeiro fixo unha reflexión máis persoal agradecendo o apoio da súa familia que "saben que a miña vida esta entregada o noso querido pobo, Moraña".