A Xunta adxudica a explotación e mantemento da presa do Con
Por Redacción
A Xunta de Galicia adxudicou, a través de Augas de Galicia da Consellería de Infraestruturas, o servizo para explotar e manter as instalacións da presa do Con, situada en Vilagarcía de Arousa.
O importe da adxudicación ascende a 190.000 euros e a empresa que realizará os traballos é Espina y Delfín. Terá que realizar a explotación, conservación e mantemento dos diferentes dispositivos de control e demais elementos das instalacións. O contrato conta cun prazo de execución de 24 meses.
A presa ten unha altura sobre cimentos de 16 metros e un volume de encoro de 0,26 hm3. A través desta instalación refórzase o sistema de abastecemento de auga municipal cando existe demanda.
O Concello de Vilagarcía de Arousa aporta un canon de regulación á Xunta de Galicia, responsable das tarefas de mantemento e explotación da presa.