O asfaltado da rotonda de Uxío Novoneyra obriga a pechar martes e mércores Eduardo Pondal
Por Redacción
O Concello de Pontevedra realizará o vindeiro martes e mércores, 18 e 19 de xuño, o asfaltado da rotonda de Eduardo Pondal, Uxío Novoneyra e Gorgullón para nivelar a rotonda e recolocar o paso de peóns que une Eduardo Pondal con Virxe do Camiño.
Estes traballos obrigarán a pechar algunhas rúas e a realizar cambios substanciais na circulación doutras, polo que o Concello recomenda aos conductores que eviten empregar a zona agás que sexan residentes ou precisen realizar un servizo.
Estas obras están incluídas dentro da reforma da rúa Gorgullón, que xa ten rematado o entronque coa rotonda aínda que se atopa desnivelado. O propósito do asfaltado é manter o nivel da nova plataforma do Gorgullón con Eduardo Pondal e tamén recolocar o paso de peóns que unirá Gorgullón con Virxe do Camiño, que estará máis próximo á citada rotonda.
Os traballos desenvolveranse en dúas xornadas: o martes será o fresado e o mércores o asfaltado. Entre as medidas máis destacadas está o peche do carril de circulación de Eduardo Pondal en sentido saída da cidade, o peche de Xermán Adrio (agás para residentes) e na tarde do mércores, o cambio de sentido da rúa Profesor Filgueira Valverde e Joaquín Costa (entre Antón Fraguas e Cobián Areal) para garantir o acceso de vehículos de emerxencia á parte traseira do Hospital Provincial.
As restriccións serán de mañá e de tarde e unha vez que conclúan os traballos de cada xornada volverase a abrir ao tráfico normal.
DISPOSITIVO DE TRÁFICO
O martes 18 de xuño, de 09:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:30 horas, péchase o sentido circulatorio dende Augusto García Sánchez cara Eduardo Pondal. A circulación por Xermán Adrio Sobrido restrínxese e so se permite acceso e saída de garaxes. Permítese o sentido circulatorio por Eduardo Pondal cara a Praza de Galicia, circulando en contradirección na glorieta. Manténse aberto o acceso cara a rúa Uxío Novoneyra no sentido normal da circulación.
O mércores 19 de xuño, de 08:30 a 13:30 horas, repítense as mesmas restricións e permisos que na xornada anterior. De 15:00 a 21:00 horas, manténse o peche do sentido circulatorio dende Augusto García Sánchez cara Eduardo Pondal. A circulación por Xermán Adrio Sobrido continúa con restricións e permítese o acceso e saída de garaxes. Péchase o acceso á rúa Uxío Novoneyra dende a rúa Eduardo Pondal e realízase a inversión da rúa Profesor Filgueira Valverde e do tramo de Joaquín Costa entre Antón Fraguas e Cobian Areal.
Para realizar estes traballos de tarde retírase o estacionamento da rúa Profesor Filgueira Valverde e da rúa Joaquín Costa, no tramo entre Antón Fraguas e Cobian Areal e habilítase unha parada provisional para o transporte público urbano (autobuses), na glorieta de Eduardo Pondal con Teixoeira.
Relacionadas:
-
O Gorgullón xa deixa ver a súa nova iluminación
Por Redacción |
-
Comezan as obras de fresado en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Veciños do Gorgullón pedirán ao concelleiro Demetrio Gómez detalles sobre a reforma da praza fronte a Vialia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comeza a instalación do enlousado do Camiño de Santiago no Gorgullón
Por Redacción |
-
A reforma do Gorgullón unirá a rúa coa futura praza da estación
Por Alejandro Espiño |