Axentes da Policía Local de Poio rescatan un bebé que quedara pechado no interior dun vehículo
Por Redacción
A Policía Local de Poio lograba rescatar un bebé que se atopaba no interior dun vehículo o venres 14 ao redor das 16.00 horas, cando o sol estaba apertando con forza.
Os axentes recibiron unha chamada dunha muller que alertaba de que o seu fillo quedara pechado no interior do vehículo que se atopaba estacionado na avenida da Cruz, en Combarro.
Ao chegar ata o lugar, os policías comprobaron que a nai do bebé se atopaba moi nerviosa. A muller expllicoulles que o neno, menor dun ano, permanecía dentro do vehículo colocado no sistema de retención e visiblemente axitado.
Todas as portas e ventás atopábanse pechadas e a muller víase incapaz de abrir o turismo debido a un fallo mecánico do mando.
Ante esta situación de urxencia, os axentes decidiron actuar con rapidez para evitar que se producise unha situación de maior gravidade. Desta forma, procederon a romper un cristal do coche para, desta forma, abrir o turismo e poder extraer ao menor do interior.