Un can de raza potencialmente perigosa sen bozo nin correa ataca outro can na Alameda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Local de Pontevedra tivo que acudir sobre as 13.00 horas deste luns á Alameda ante a chamada de alerta dun grupo de cidadáns que presenciaron como un can sen correa nin bozo atacaba a outro can de menor tamaño e tamén solto.
Unha vez no lugar, puideron comprobar que se trata dun animal de raza potencialmente perigosa e procederon a denuncialo por non ter bozo, segundo confirmaron fontes oficiais da Policía Local. De momento, non trascendeu se tiña ou non o microchip obrigado.
Testemuñas presenciais relataron a PontevedraViva que sobre as 13.00 horas ambos os cans cruzáronse no medio da Alameda e o de maior tamaño, de raza American Staffodshire Terrier, mordeu a cabeza ao outro. A pesar da propietaria do animal atacado tentou separalos, "non o soltaba".
Finalmente, foi necesaria a intervención de varias persoas que se atopaban nunha terraza próxima para separalos. Unha de cidadás que interveu foi a concelleira socialista Paloma Castro, que, curiosamente, no actual goberno local de Pontevedra asume a responsabilidade de Benestar Animal.
Segundo indicaron as testemuñas, Paloma Castro colleu unha cadeira da terraza e utilizouna para separar a ambos os cans. Outra persoa do seu equipo utilizou co mesmo fin unha botella de auga que botou sobre os animais. Finalmente, lograron separarlles.
A propietaria do animal de menor tamaño, Cristina Diaz, explicou a PontevedraViva que os dous cans estaban soltos e, de súpeto, o outro atacou ao seu mordéndoo na cabeza. Esta muller destaca que o outro can carecía de bozo e estaba solto. De feito, cando o viu achegarse á súa mascota, de nome Brus, o home que o acompañaba ía correndo detrás.
Tras o ataque, chamou á Policía Local. Segundo explicou, aínda non decidira se presentaría denuncia, pero si quixo chamar para que actuase e, desta forma, "que non o volvan a facer", pois insiste en que puido causarlle moito dano ao seu can. Tiña intención de levalo ao veterinario, aínda que en principio confía en que a lesión sufrida por Brus sexa moi leve.
María, unha veciña de Pontevedra que presenciou os feitos, pedía, a maiores, que "polo menos" o propietario do outro animal se faga cargo dos gastos do animal. Esta cidadá, ademais, explica que houbo un momento de tensión e ela creu "que lle mataba".
O home que acompañaba ao outro can explicou que el si lle levaba bozo, pero "caéuselle" porque "sáeselle só, queda frouxo". Engadiu que foi o outro can o que se lanzou a el. Paloma Castro, pola súa banda, indició que ela viu claramente o ataque e que "non o soltaba a cabeza".
O Real Decreto 287/2002, do 22 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenencia de animais potencialmente perigosos, inclúe o American Staffodshire Terrier no catálogo dos animais de especie canina incluídos dentro da categoría de animais potencialmente perigosos.
Relacionadas:
-
Un pitbull con boceira e sen correa ataca outro can e a súa dona
Por Natalia Puga |
-
Acaba en urxencias tras o ataque dun dóberman solto e sen boceira en Barcelos
Por Natalia Puga |
-
Denunciado por levar un can de raza potencialmente perigosa sen bozo, chip, seguro nin licenza
Por Natalia Puga |
-
Libera pide que non se criminalicen razas caninas tras o ataque dun American Stafford a un Jack Russell Terrier
Por Redacción |
-
Un can perigoso ataca violentamente outro de pequeno tamaño provocando unha sangría na rúa Mestre Soutullo
Por Anxo Lourido |