César Mosquera repetirá como deputado do BNG na Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A corporación provincial de Pontevedra comeza a tomar forma. Despois de que o PP anunciase xa o nome de varios dos seus deputados polos partidos xudiciais do norte da provincia, o BNG confirmou o nome dun dos seus deputados por Pontevedra.
César Mosquera, ata agora vicepresidente provincial, repetirá como deputado nacionalista. Será un dos tres que terá o BNG no próximo mandato, un segundo por Pontevedra -que será unha edil de Moaña- e un polo partido do Baixo Miño que, previsiblemente, volverá ser Uxío Benítez.
Iso si, o que non está claro é que o BNG volva formar parte do goberno provincial xunto ao PSOE de Carmela Silva. Haberá contactos nos próximos días, pero o paso que darán os nacionalistas é toda unha incógnita.
Con respecto ao partido xudicial de Pontevedra, o PP terá tres deputados. Fontes próximas ao partido aseguran que un deles será seguro para un membro do equipo de Rafa Domínguez, mentres que os outros dous teñen moitos pretendentes.
Os socialistas, pola súa banda, terán dous deputados polo partido xudicial de Pontevedra.
Por agora, o PP parece ser a formación política que máis avanzado ten a súa decisión sobre os seus deputados. O alcalde de Rodeiro, Luís López "Lugués", será o deputado polo Deza durante o próximos catro anos, mentres que un edil da Estrada será o representante de Tabeirós-Terra de Montes.
O representante do PP na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Tui será Alejandro Lorenzo, candidato do Partido Popular do Porriño; e polo partido xudicial de Cambados serán Javier Tourís, número 2 da candidatura do PP de Vilanova; e Paz Lago, número 3 de Sanxenxo.
Miguel Domínguez, portavoz municipal na Cañiza, e o alcalde do Covelo, Pablo Castillo, turnaranse como deputado do partido xudicial de Ponteareas. Ocuparán o escano dous anos cada un.