Demandan máis persoal para un xulgado de Caldas con "grave" sobrecarga de traballo
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT esixe que se adopten medidas para solucionar a situación actual que vive o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 de Caldas de Reis, cunha sobrecarga de traballo que tildan de "grave".
Segundo denuncian, a carga de traballo deste xulgado, segundo a estatística de este primeiro trimestre do ano 2019, supera case nun 200% os límites establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial.
O xulgado leva "moitos anos" inmerso nunha situación de sobrecarga de traballo que, segundo o sindicato, medra ano tras ano dun xeito "exponencial e progresivo". De feito, denuncian que xa no ano 1995 o Poder Xudicial recollía, despois dunha inspección, a necesidade de ampliar o cadro de persoal do xulgado.
Ata o ano 2000 foi o único xulgado en Caldas de Reis e desde que hai dous órganos xudiciais a situación non fixo máis que empeorar. De feito, nunha comparativa das estatísticas do primeiro trimestre dos anos 2018 e 2019, os números reflicten unha situación que CUT tilda de "gravidade".
Así, por exemplo, a día de hoxe hai case 800 escritos sen rexistrar no rexistro do xulgado e cerca de 200 demandas sen incoar. En concreto, hai demandas sen incoar dende o mes de xaneiro, isto é, levan case sete meses de atraso. De media, neste xulgado tardan un ano desde a entrada da demanda ata o día de celebración do xuízo.
Ante este incremento continuado de carga de traballo e ante a imposibilidade de asumir a carga de traballo, o sindicato denuncia que se está a producir un "prexuízo" para o cadro de persoal do xulgado, creando unha situación de estrés e malestar.
Desta maneira, piden que "á maior brevidade posible" se adopten as medidas oportunas e se amplíe o cadro de persoal. Ademais, o sindicato tamén anuncia que se non se poñen solucións adoptarán as medidas de presión precisas.