Medio millar de menores de tres anos quedan sen praza nas garderías de Pontevedra
Por Manu Otero
O prazo de matrícula para as escolas infantís dependentes da Xunta en Pontevedra pecha con máis de medio milleiro de nenos e nenas menores de tres anos que deberán explorar outras opcións de carácter privado para iniciar a súa escolarización ao quedar a súa solicitude en lista de agarda.
Na cidade do Lérez, o goberno autonómico xestiona un total de seis garderías a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (as da rede Galiña Azul) e da Axencia galega de Servizos Sociais nas que xa están matriculados para o próximo curso 461 alumnos.
Para os 544 solicitantes que quedaron sen praza (o número real de menores é lixeiramente inferior posto que algúns demandantes piden praza en máis dunha escola), a Xunta lembra que teñen á súa disposición o Bono Concilia. Unha axuda de ata 250 euros mensuais para as familias con menos ingresos que facilitará a matriculación dos menores nunha escola infantil privada.
O curso con maior demanda na cidade é o correspondente aos grupos de idade de entre un e dous anos, no que só 148 das 501 solicitudes puideron ser atendidas. No seguinte curso, para os menores de entre 2 e 3 anos, o número total de menores en espera é de 106, polos 267 que xa formalizaron a súa matrícula. A espera no grupo dos máis pequenos, os menores dun ano, ascende a 85 demandantes.
Por centros, o que maior número de solicitudes de matrícula recibiu durante este mes é o da Parda, dependente do Consorcio, no que 159 nenos e nenas permanecen en espera coa esperanza de que xurda algunha vacante que lles abra a porta dunha gardería pública. Nas outras dúas garderías da Galiña Azul, Monte Porreiro e o Campus Universitario, hai 59 e 91 menores sen praza.
Nas escolas infantís que xestiona a consellería de Política Social, a que deixa a un maior número de solicitantes sen atender é a do Toxo, no barrio de San Roque, na que 112 aspirantes están sen praza. Moi de preto séguelle a de Campolongo, con 110 peticións en espera. Mentres que na do edificio administrativo da Xunta, a que menos prazas oferta, só 13 menores quedaron sen praza.