Condenados tres homes que, tras ser sorprendidos trapicheando, enfrontáronse á Policía Local
Por Natalia Puga
A espectacular detención de tres persoas realizada pola Policía Local de Pontevedra o 2 de marzo de 2017 na rúa San Antoniño acabou en condena. Na mesma tarde foran arrestados un home que protagonizara un incidente nUN bar, nunha intervención diferente, dúas persoas por tráfico de drogas e por agredir a un policía. Agora, estes dous últimos acaban de ser penados pola Audiencia Provincial xunto a unha terceira persoa que o día dos feitos lograra escapar.
A Sección Cuarta da Audiencia confirmou un sentenza previa do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra dada a coñecer meses atrás desde o Concello, que impoñía a un deles a un ano e catro meses de prisión , a outro seis meses e ao terceiro un ano e cinco meses como autores de distintos delitos.
Ao primeiro a sentenza considérao autor dun delito de resistencia (4 meses) e outro contra a saúde pública (1 ano de prisión e multa de 400 euros); ao segundo, outro de atentado (6 meses); e ao terceiro atribúenlle atentado (10 meses) e lesións (7 meses). A este último, ademais, obríganlle a indemnizar a un policía local con 5.108,74 euros polas lesións ocasionadas.
Ambas as sentenzas consideran probado que sobre as 16.40 horas dese día o acusado 1 atopábase na entrada dun garaxe na rúa San Antoniño e entregou ao procesado 2, a cambio de polo menos 50 euros, catro fragmentos en forma de landra dunha substancia que resultou ser resina de cannabis, cun peso total de 41,785 gramos e un valor de 259,90 euros, que pretendía destinar ao seu propio consumo. O acusado 2 estaba no devandito momento acompañado do acusado número 3.
Un axente da Policía Local que estaba de paisano realizando labores de vixilancia observou o intercambio, de modo que se dirixiu aos tres, identificouse como axente mostrando o seu carné profesional e a súa placa e indicoulles que se puxesen contra a parede. Non obstante os investigados, lonxe de atender a indicación do policía, déronse á fuga en distintas direccións.
Nesta fuxida, o número 1, "con desprezo ao principio de autoridade e co fin de escaparse" deulle un golpe no costado ao policía e saíu correndo cara á praza de Barcelos, onde se lle perdeu a pista. Ese foi o único dos tres que non foi detido ese día, pero si máis tarde e xulgado.
En canto ao número 3, saíu correndo cara á rúa Víctor Cervera Mercadillo, onde tratou de pecharlle o paso outro axente que se identificou co seu carné e placa emblema. El, tamén "con ánimo de menosprezar o principio de autoridade", propinoulle un empuxón ao axente e, cando este trataba de suxeitalo, caeron os dous ao chan. Alí propinoulle varias puñadas e empuxóns ata que o policía puido reducilo.
Pola súa banda, o número 2 saíu correndo cara á rúa Casimiro Gómez, aínda que antes de chegar ao cruzamento tropezou cun bordo e caeu ao chan, onde un axente que lle ía perseguindo tratou de inmobilizalo e o acusado, movido por igual ánimo, propinoulle a varias puñadas e patadas, á vez que trataba de sacar do peto un coitelo, sen chegar a conseguilo, porque o axente conseguiu reducilo. Unha das patadas impactoulle no costado.
Un dos acusados, o nomeado como número 2, recorreu alegando vulneración da súa presunción de inocencia e que non se acreditou que o axente resultase ferido pola súa agresión. A Audiencia desestimou ese recurso e confirmou o fallo xudicial previo.