Primeiras tomas de contacto cos seus departamentos dos concelleiros Jaime Leiro e Daniel Arosa
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e os concelleiros de seguridade cidadá, Jaime Leiro, e de servizos sociais, deportes e mocidade, Daniel Arosa, mantiveron este martes a primeira reunión cos departamentos e servizos de cada concellería.
O alcalde e Jaime Leiro xa visitaron este luns a sede da Policía Local e o martes mantiveron unha reunión na alcaldía, na que estivo presente o sarxento xefe e o cabo da Policía Local. Falouse da composición do persoal, do operativo de reforzo do verán e as necesidades do servizo.
Posteriormente o alcalde e o concelleiro desprazáronse ás dependencias do servizo de emerxencias onde saudaron aos tres bombeiros que estaban de garda e mantiveron un breve encontro con Pablo Leiro, o bombeiro responsable das oficinas e creador das innovadoras aplicacións informáticas que ten este servizo. Tamén saudaron aos socorristas e sanitarios que estaban a participar nunha sesión de formación.
Jaime Leiro destacou que "afronto este reto con moitas ganas de traballar para seguir mellorando a seguridade cidadá, unha prioridade do goberno".
Pola súa banda, Daniel Arousa coñeceu ao persoal de deportes e mocidade e ao do departamento de servizos sociais. En deportes púxose rapidamente ao día, para coñecer todos e cada un dos clubs que hai no Concello, cos que terá unha rolda de chamadas para presentarse e pautar unhas reunións con eles. En mocidade coñeceu as diferentes accións que integran o programa "+ Xuventude, máis Concello".
Nas instalacións de Portonovo o alcalde e o concelleiro estiveron co persoal de servizos sociais coas que Daniel Arosa ten previsto reunirse individualmente para coñecer de primeira man cada departamento.
Daniel Arosa destaca que "chego á concellería con moita ilusión e con ganas de mellorar as diferentes áreas da miña competencia".