Interceptan un turismo con máis de media tonelada de ameixa ilegal na AP-9 en Caldas
Por Redacción
Axentes da Garda Civil incautábanse na madrugada do martes de máis de media tonelada de ameixa ilegal. Os feitos producíanse ao redor das 02.00 horas cando a dotación da patrulla fiscal e fronteiras da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa interceptaba un turismo que circulaba pola autoestrada AP-9, á altura do municipio de Caldas de Reis.
Os axentes daban o alto ao vehículo, con placas de matrícula portuguesa, ao comprobar que circulaba con evidentes mostras de exceso de peso na carga. Ao inspeccionar o turismo, a Garda Civil comprobou que, tanto no maleteiro como nos asentos posteriores, almacenábase unha importante cantidade de sacos de ameixa, tapados con mantas. Estes moluscos eran trasladados sen documentación e nun medio de transporte inadecuado para transportar esta mercadoría.
Contabilizáronse 23 sacos con 562 quilos de ameixas de distintas clases. Todo o material foi recollido e depositado, xunto ao vehículo que foi intervido, na unidade operativa de Gardacostas de Galicia en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.
O propietario e condutor do vehículo, con residencia e domicilio en Portugal, foi denunciado ante os órganos competentes da Xunta de Galicia como presunto responsable de senllas infraccións administrativas á lei de Pesca de Galicia e ao real decreto que aproba o regulamento da lei de ordenación dos
transportes terrestres.
A Garda Civil incautouse na provincia de Pontevedra de algo máis de tres toneladas de ameixa ilegal, procedente de Portugal, nas últimas semanas. A pasada fin de semana incautáronse outros 1.800 quilos nas proximidades do Grove.
Relacionadas:
-
Interceptan unha furgoneta con 1.740 quilos de ameixas na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción |
-
Incautan 17 quilos de ameixa en Poio duns furtivos que se deron á fuga
Por Redacción |
-
Decomisan 900 quilos de ameixa que circulaba ilegalmente no Grove
Por Redacción |
-
Detectan un condutor portugués con mil quilos de ameixa clandestina no Grove
Por Redacción |