Deteñen dous veciños de Bueu que agocharon 1,5 quilos de haxix nun noiro ao encontrar un control de Tráfico
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Bueu, que eran sorprendidos cando un deles recollía unha bolsa con 1.500 gramos de haxix, que esconderan, horas antes, preto da estrada durante este luns ao atoparse cun control de Tráfico.
Nesa xornada, a Garda Civil estableceu un control preventivo a media tarde na rotonda da Ameixoada, en Moaña, entre Rande e Cangas. Os integrantes dese operativo foron alertados de que a escasos metros de onde se atopaba o punto de control había unha persoa sentada na beiravía.
Os axentes pertencentes ao Destacamento de Tráfico de Vilaboa e de seguridade cidadá da Compañía de Pontevedra achegáronse para identificar a esta persoa. O home xustificou a súa presenza na zona alegando que se apeou do turismo no que viaxaba coa súa muller despois dunha discusión que mantivera durante o traxecto. Unha vez identificado, o home continuou o camiño a pé.
O feito provocou sospeitas entre os efectivos da Garda Civil, que procederon a realizar unha batida polas inmediacións e localizaron unha bolsa escondida entre as silvas do noiro que se atopa ao bordo da estrada. No interior da bolsa achábanse nove paquetes, hermeticamente plastificados e de diferentes tamaños, con 1.500 gramos de haxix.
O dispositivo de vixilancia mantívose en garda nesa zona e, catro horas máis tarde, o mesmo home regresou ao mesmo lugar para recoller a bolsa. Momento no foi detido "in fraganti" pola Garda Civil. Ao mesmo tempo que se producía a detención, o condutor dun vehículo que se atopaba esperando na rotonda polo detido dábase á fuga.
Iniciouse unha persecución de apenas uns quilómetros ata que os axentes déronlle alcance e arrestárono cando se atopaba nas proximidades de Bueu.
Os detidos son dous veciños do municipio de Bueu, de 50 e 47 anos de idade. O primeiro conta con antecedentes policiais recentes relacionados co tráfico de drogas. Ambos foron postos este martes ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Cangas, que decretou a liberdade provisoria para os dous detidos.