A APP de comida a domicilio de Uber desembarca en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A partir de agora os pontevedreses terán un novo servizo para pedir comida a domicilio. Chega da man de Uber, a multinacional de vehículos VTC. Trátase da APP Uber Eats, coa que se poderá encargar comida de diferentes restaurantes da cidade.
Tras a súa posta en marcha en Lugo e Ourense, Pontevedra é a terceira cidade galega na que Uber Eats estará dispoñible.
A APP ofrecerá en Pontevedra restaurantes locais de referencia como Pontegrill, Dolce Vita ou Sidrería Montañes, pero tamén grandes cadeas de restauración como McDonald’s, que estreará o seu servizo McDelivery na cidade.
A través deste servizo, que permitirá encargar comida desde a aplicación móbil ou desde o web, o cliente pode coñecer en todo momento onde está o seu pedido, que se estima recibirá nuns 30 minutos de media, e dispoñerá de múltiples funcionalidades e variedades de personalización.
O servizo está dispoñible de luns a domingo, de 12.00 a 17.00 horas e de 19.00 a 23.45 horas. Non hai pedido mínimo e, durante o primeiro mes, o custo de envío será de 2,5 euros en todos os pedidos a calquera hora do día. Ademais, os usuarios gozarán tamén durante o primeiro mes dun 30% de desconto adicional.
A APP permitirá tamén consultar a valoración que outros usuarios fan dos diversos restaurantes e filtrar as opcións en función do tipo de cociña, o rango de prezo ou o tempo estimado de entrega.
O sistema de traballo para os repartidores, segundo explica a compañía, é similar ao servizo que Uber ten para os vehículos VTC.
Os 'riders' poderán traballar no horario que desexen. Collerán a súa moto ou bicicleta e, a través dunha APP de notificacións, recibirán as peticións de repartición, acudindo ao restaurante a pola comida e levándoa aos respectivos domicilios. Ademais, a aplicación guiaralles durante todo o seu percorrido.
Os repartidores, que deberán ser autónomos para traballar para Uber Eats e cobrarán semanalmente en función das entregas realizadas, dispoñerán dun seguro con cobertura para accidentes persoais, prestación en efectivo en caso de hospitalización e cobertura de danos persoais ou materiais a terceiros.