Sanxenxo gastará 685.000 euros na posta a punto das súas praias
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo gastará 685.000 euros na posta a piques das súas praias. A concellería de medio ambiente rematará a próxima semana os traballos de acondicionamento de praias que iniciou hai un mes. A motoniveladora e as máquinas rozadoras xa acondicionaron os accesos das praias a falta de pequenos detalles. En todos realizouse unha achantamento do terreo e unha limpeza e roza.
67.000 euros destináronse á instalación de novas pasarelas de madeira e peches, especialmente nas praias con dunas. Ademais, están a mellorarse a accesibilidade con flexi-pasarelas para persoas con mobilidade reducida nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar e Caneliñas.
14.200 euros custa a dotación de lava pés en todos os areais. A concellería de medio ambiente apostou este ano pola substitución das duchas por lava pés seguindo criterios medio ambientais e de aforro de auga, unha medida que xa se aplica na maioría dos municipios do litoral español.
130.000 euros foi o custo da compra de seis módulos mixtos de salvamento e aseos que se instalaron nas praias da Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar.
30.000 euros para dous novos módulos de socorristas nas praias de Pragueira e Montalvo, 17.000 euros para un módulo de aseo na praia de Panadeira e 4.000 euros do aluguer dun módulo da praia de Baltar.
Como xa se fixo o ano pasado, en lugar das papeleiras que quedaban pequenas, nos accesos aos areais colocáronse contedores verdes e amarelos. Así se aumenta a capacidade e evítase que o lixo que soborda as papeleiras acabe no chan e o vento a leve. Ademais de permitir a separación dos residuos.
En Montalvo, como xa se fixo en Foxos o ano pasado, vai instalar uns paneis (3.000 euros) cunha foto do areal e unhas frechas ilustrativas de como actúan as correntes. Foxos e Montalvo son praias ás que acoden diariamente surfeiros para practicar este deporte e esta información é necesaria, para evitar posibles accidentes.
Nos próximos días comezarán os traballos de balizamento dos areais co fin de preservar as zonas de baño doutras actividades que poidan entrañar perigo para os usuarios. O balizamento ten un custo de 76.230 euros e supón a colocación de 213 unidades de mortos de formigón e 220 bólas esférico-cónicas de diferentes cores e tamaños, 8 unidades de canle náutica e 2.370 metros lineais de corcheras.
O persoal de reforzo para a limpeza de praias fórmano 20 persoas e ten un custo de 42.800 euros
O servizo de salvamento de praias iniciouse a pasada fin de semana coa presenza de socorristas nalgunha das praias máis concorridas. Esta próxima fin de semana xa serán nove praias as que conten con socorristas e sanitarios: Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Major, Foxos e A Lanzada-Espiñeiro.
A partir do 29 de xuño todas as praias dispoñerán xa deste servizo. Contratáronse un total de 70 persoas entre socorristas e sanitarios cun custo de 301.000 euros.