A creatividade dos cuntienses exhíbese na Casa da Cultura
Por Redacción
Pinturas, bordados, esmaltados, mobles restaurados, bixutería ou macramé son só algúns exemplos da exposición que se estrea mañá na Casa dá Cultura Roberto Blanco de Cuntis. Trátase dunha colección de traballos manuais realizados polos veciños e veciñas de todas as parroquias cuntienses durante o primeiro semestre do ano.
A mostra foi confeccionada por sesenta persoas nos diferentes obradoiros que se realizaron ao longo da primeira metade do 2019 e estará aberta ao público en horario de mañá e tarde durante toda a fin de semana.
A mostra parte do traballo realizado polos participantes no programa Obradoiros Integradores que se está realizando cada semana nas parroquias de Troáns, Magán, Arcos de Furcos, Teaño, Portela e Cuntis.
Organizado polo departamento municipal de Servizos Sociais, nesta actividade participan boa parte dos colectivos da sociedade cuntiense, sendo o de persoas maiores, mulleres e persoas con discapacidade os máis activos neste tipo de iniciativas.