Telmo Martín incrementa o custo do seu goberno ata os 276.000 euros anuais
Por Oskar Viéitez
A proposta do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sobre as dedicacións parciais (7) e exclusivas (3) suma un total de 276.000 euros anuais. Desde o gabinete de comunicación do Concello recoñeceron que isto supón un incremento de 33.000 euros sobre os 243.000 euros do cuatripartito, que estaba composto por nove concelleiros fronte aos dez do novo goberno.
O alcalde, Telmo Martín, percibirá por unha dedicación parcial 48.600 euros anuais. Os catro tenentes de alcalde, María Deza, Juan Deza, Marcos Guisasola e Paz Lago, con dedicación parcial, percibirán 22.600 euros cada un.
Terán dedicación exclusiva os concelleiros Daniel Arosa, Flavia Besada e Óscar Vilar que cobrarán 30.600 euros. E os edís Paula Martínez e Jaime Leiro, percibirán 22.600 euros ao ano por ter cada un deles unha dedicación parcial.
Tamén se presentou a proposta sobre a composición dos consellos de administración das tres empresas municipais de Turismo, Nauta e Insula e o organismo autónomo de Terra.
A asignación por asistencia dos concelleiros da oposición ás comisións informativas e os plenos na pasada lexislatura era de 90,15 euros en ambos os casos. A nova proposta sobe a asignación por comisión a 95 e a 190 euros no caso dos plenos.