Cotobade agarda a edición máis especial da Festa do Requeixo
Por Redacción
Cotobade saborea xa o requeixo. A tradicional festa gastronómica celébrase esta fin de semana na parroquia de Corredoira. Mais a deste ano será unha cita especial, pois o evento cumpre corenta anos e para festexalos os veciños presentarán unhas 400 pezas de requeixo feito de forma artesanal.
Os actos da cita gastronómica máis importante do Concello, co permiso da festa da filloa de Valongo, comezarán mañá pola tarde na Casa do Pobo co clásico mercado e degustación de pezas de requeixos de variados tamaños.
A festa foi presentada hoxe no Concello de Cotobade. O alcalde, Jorge Cubela, acompañou aos organizadores do evento, que explicaron que os prezos aos que os requeixos sairán á venda variarán entre os 12 ou 15 euros en función do peso da peza, mentres que as racións venderanse a 3 euros. Aconsellan aos asistentes chegar o máis cedo posible á festa xa que os requeixos "soen rematarse en pouco tempo".
Durante a presentación, os organizadores explicaron polo miúdo a receta tradicional. "Son pezas únicas, moi frescas e saborosas ao facerse con moita leite, entre 7 e 8 litros por requeixo, e por iso teñen tanta sona", engadiron. E mesmo dan unha idea de acompañamento. "A meirande parte dos asistentes soen degustalos con azucre, mel, viño ou coñac", suxiren.
Dado que se trata dunha edición especial, os membros da comisión quixeron recordar as orixes desta cita gastronómica no ano 1980. "Había moito costume e maña en facer requeixos e pensouse que a creación dunha festa específica serviría para potenciar e difundir este produto ao tempo que se recadaban fondos para as festas de San Antón e Santa Bárbara", sinalaron.
Aínda que o requeixo é o produto estrela, na festa hai outros moitos atractivos. Un deles, a oferta musical. Actuarán os grupos Olympus, DJ Skandal, Tic Tac, Magical, o grupo de gaitas dos Abrentes de Cerdedo e a Banda de Música de Cerdedo. A maiores, o programa complétase cunha cea popular a base de polbo, churrasco e viño do país e coa música do mítico grupo A Roda.