A captura de centola e boi entra en veda ata novembro
Por Redacción
A captura de boi e centola na costa pontevedresa entrará en veda a partir de mañá. Así o acaba de anunciar a Consellería do Mar nun comunicado no que explica que a prohibición se estende desde o litoral da Guarda a Estaca de Bares ata o 10 de novembro.
Durante a campaña de pesca destes crustáceos, comprendida entre o 12 de novembro do 2018 e o 21 de xuño do 2019, nas lonxas galegas vendéronse máis de 490 toneladas de centola por un importe superior aos 5 millóns de euros. No referente ao boi de mar, poxáronse 20 toneladas e o importe superou os 184.000 euros.
O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte na nosa comunidade. Así as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto.
Os motivos polos que a consellería impón esta prohibición baséanse en que a veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa, a protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
Na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares ata o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 28 de xuño, sábado, e prolongarase ata o próximo 1 de decembro.