Pontevedra recadará case 205.000 euros polas terrazas da hostalería
Por Alejandro Espiño
A chegada do bo tempo parece animar as terrazas dos establecementos de hostalería de Pontevedra. Son xa unha estampa habitual da cidade, particularmente do centro histórico. Segundo recolle o censo municipal, hai un total de 1.893 terrazas e veladores.
Trátase dun número similar ás que había hai apenas un ano (1.907). Cada establecemento paga unha taxa anual por cada mesa e catro cadeiras que, coas terrazas que existen na actualidade, supón uns ingresos de 204.378,55 euros ás arcas municipais.
Este será o segundo ano no que as terrazas de hostalería estean reguladas pola nova ordenanza, unha normativa que segundo o goberno municipal permitiu controlar a instalación de veladores en toda a cidade.
As terrazas, durante os meses de verán, poderán estar a funcionar de luns a xoves desde as nove da mañá ata as 2.00 horas e de venres a domingo e nas vésperas de festivos ata as 2.30 horas.
As mesas non poden superar os 1,50 metros de altura e autorízase a instalación de pérgolas, cubertas impermeables ou toldos sempre que non estean ancorados ao chan ou supoñan o peche lateral ou frontal da terraza. Tamén se poden colocar paraventos, sebes, plantas e demais elementos ornamentais se non ocupan máis espazo do autorizado e se se poden mover.
Ademais, non se poden colocar mesas ante portais ou locais comerciais nin diante de entradas a garaxes, a ocupación do espazo público debe garantir sempre a accesibilidade e amplíase a 1,80 metros a distancia mínima que debe haber libre nunha beirarrúa.
A publicidade, as lousas co menú ou calquera tipo de carteis ou paneis informativos non poden poñerse nas terrazas e mantense a prohibición da ambientación musical ou sonora e outros elementos como futbolíns, máquinas recreativas ou de azar.
Nos últimos meses, segundo o Concello, tramitáronse dez expedientes de declaración de baixa e executouse unha orde de disciplina urbanística que obrigou a retirar unha terraza.