O PP e o BNG critican o custo do goberno local de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
O pleno de organización de Ponte Caldelas celebrouse este venres con todos os asuntos da orde do día aprobados por maioría, incluídas as retribucións da dedicación exclusiva do alcalde (42.700 euros) e a media dedicación exclusiva dunha concelleira (27.000 euros), ademais das indemnizacións por asistencias a plenos, xuntas de goberno, comisións e as asignacións fixas aos grupos municipais.
Os grupos municipais do BNG e do Partido Popular coincidiron na súas críticas ás novas asignacións económicas que entenden coma un "excesivo incremento" en relación ao mandato do anterior tripartito. Así, segundo o PP, o novo goberno municipal terá un custo anual de 192.000 euros.
O Bloque lembra que sempre estiveron en contra de que a corporación tivera unha dedicación parcial, aparte da do alcalde, unha postura que defenden "tanto estando na oposición como gobernando" ao entender que "é unha carga excesiva para un concello de 5.600 habitantes, xa de por si bastante hipotecado polo gasto corrente".
As críticas esténdense ás indemnizacións por asistencia ás Xuntas de Goberno que pasan de 90 euros na época do goberno tripartito a 149 euros. Tamén rexeitaron a eliminación da Comisión de Urbanismo e Transparencia e a reducción da asignación aos grupos municipais.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lembrou que o anterior alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, tiña un salario anual de 52.000 euros que, Seguridade Social sumada, supuña preto de 69.000 euros anuais á veciñanza. "Ademais percibía retribucións opacas por dietas e desprazamentos nada desdeñables, dado que residía en Pontevedra", dixo.
A iso había que sumar, dixo Andrés Díaz, "as facturas que presentaba o actual voceiro do PP, Antón Xil, daquela responsable de prensa en Ponte Caldelas, cuxo importe tamén podería animarse a aclarar agora que decidiu meterse en política".
O alcalde de Ponte Caldelas tamén sinalou que o alcalde da Lama, Jorge Canda (PP) concello onde Xil presta agora servizos profesionais, percibe 40.000 euros anuais (53.000 sumando a Seguridade Social). "Unha vez máis que hai que sumar dietas e desprazamentos. Tanto é así que cobra xustamente o tope legal, dada a poboación de A Lama. A pesar disto, o señor Xil (esta vez na súa faceta de xornalista demagogo), permítese presumir de que o alcalde lamense 'conxela' o seu soldo", dixo Díaz.
O alcalde de Ponte Caldelas asegura que el "nin cobra nin cobrou nunca unha soa dieta ou desprazamento" polo que tódalas súas retribucións "son transparentes e públicas". Por tanto, "o alcalde caldelán continúa cobrando menos que o da Lama, que, ademais, coa complicidade de Xil, oculta parte das súas retribucións coa fórmula de dietas e desprazamentos".
Andrés Díaz insta "ao Antón Xil político e ao Antón Xil xornalista" a explicar publicamente se é certo que percibe as facturas que presenta na Lama con informes contrarios dos técnicos municipais. Tamén lle pide que aclare se é certo que está en proceso de funcionarización, "é dicir de 'enchufe' en contrapartida por terse prestado a selo candidato do PP en Ponte Caldelas, solucionando así unha grave 'papeleta' derivada da falta de alternativas".
Por isto Andrés Díaz conclúe que Antón Xil "nin é exemplo de transparencia nin o será".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas celebra este venres o seu pleno organizativo para botar a andar o mandato
Por Redacción |
-
Andrés Díaz seguirá como alcalde de Ponte Caldelas e co seu "estilo de portas abertas"
Por Oskar Viéitez |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |