A Audiencia xulgará un funcionario da Subdelegación do Goberno que pedía "regalitos" a cambio de permisos de residencia
Por Redacción
Un funcionario da Subdelegación do Goberno en Pontevedra irá a xuízo na Audiencia Provincial e enfróntase a unha pena de oito anos de prisión e 13 de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por presuntamente pedir "regalitos" a mulleres que acudiron á institución para tramitar permisos de residencia en España.
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou o xuízo para este luns, a vista xa fora suspendida en varias ocasións pola ausencia de varias testemuñas.
O fiscal considera probado que lles pedía diñeiro para realizar funcións propias do seu cargo e conseguiu 200 euros de dúas mulleres diferentes, 150 dunha e 50 doutra. Tentouno cunha terceira sen éxito e nun cuarto caso falsificou un expediente, pero sen que conste entrega de diñeiro.
A Fiscalía considérao autor dun delito continuado de suborno e dun delito de falsidade en documento oficial e pide que sexa condenado a catro anos de prisión por cada un e a oito anos de inhabilitación polo suborno e cinco pola falsidade. Ademais, reclama á Audiencia Provincial que lle impoña 32 meses multa cunha cota diaria de 10 euros e que devolva a dúas das afectadas os 200 euros que lles pediu e conseguiu de forma presuntamente irregular.
Os feitos que lle atribúe o fiscal producíronse no ano 2016 e refiren catro expedientes abertos na Subdelegación por solicitudes de permiso de residencia. Todos foron iniciados, tramitados e finalizados polo acusado.
O escrito de acusación do fiscal sostén que, sen que tivese dereito a percibir ningún tipo de retribución por parte das interesadas, solicitou das mesmas, durante a tramitación dos expedientes, distintas cantidades de diñeiro.
A unha muller que pedía autorización de residencia temporal inicial Ie dixo que tiña que facerlle "un regalito" e esta entregoulle 50 euros. A outra afectada que solicitaba permiso de residencia de longa duración solicitoulle 150 euros, que ela lle deu en dúas entregas, 100 na oficina e 50 na rúa. Segundo relatou esta muller durante a fase de instrución desta causa xudicial, pagou "na crenza de que formaba parte das taxas para pagar pola tramitación do expediente".
Pediu diñeiro a unha terceira afectada que tramitaba para a súa filla autorización de residencia de familiar comunitario, pero non chegou a efectuarse a entrega. Díxolle que tiña que entregarlle algo e ela entendeu que debía ser diñeiro, de modo que acudiu á Subdelegación con 200 euros, pero non chegou a entregarllo porque foi atendida por outra funcionaria. Tras ese incidente, o acusado chamoulle a atención.
O cuarto caso refírese á solicitude de autorización de residencia temporal non lucrativa na que alterou a data do expediente porque a muller solicitante gozara dunha autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais que caducara e, para obter a prórroga, a solicitude debía ser presentada nun prazo que incumprira. Este expediente foi finalmente arquivado.
Relacionadas:
-
Tres anos de cárcere e sete de inhabilitación para o funcionario que pedía "regalitos"
Por Redacción |
-
O xurado declara culpable ao funcionario acusado de pedir "regalitos" a cambio de permisos de residencia
Por Natalia Puga |
-
Un funcionario da Subdelegación do Goberno proclama a súa inocencia ante o xurado que o xulga por suborno
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un funcionario que pedía "regalitos" a cambio de permisos de residencia enfróntase a oito anos de prisión
Por Natalia Puga |