Persoal do servizo de Dermatoloxía cribará casos de cancro de pel na Casa do Mar
Por Redacción
Dermatólogos e persoal de enfermería realizarán este luns 24 e martes 25 no Centro de especialidades da Casa do Mar de Mollavao exploracións para detectar casos de cancro de pel, dentro da campaña Euromelanoma.
Trátase de profesionais especificamente formados que valorarán aos pacientes dentro desta iniciativa preventiva europea para que as persoas interesadas tiveron que inscribirse previamente, a través da páxina www.euromelanoma.org/spain.
Tamén, ao longo do ano, o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está a levar a cabo charlas informativas en fotoprotección dirixidas a profesionais sanitarios.
A doutora María Ángeles Flórez Menéndez, xefa de servizo de Dermatoloxía, foi nomeada coordinadora nacional de coordinadores da campaña Euromelanoma e encárgase de canalizar a información destinada a pacientes, dermatólogos e á Fundación Pel Sa da Academia Española de Dermatoloxía e Venereología.
O obxectivo da campaña é previr, diagnosticar de maneira precoz e tratar coa maior eficacia o cancro de pel. Dentro das actividades promoveuse a web www.labellezaestaenlasombra.es onde se mostra a relevancia da protección fronte ao sol.
Segundo explica a doutora Flórez Menéndez, existen dous grandes tipos de cancro de pel: o cancro de pel "non melanoma", que son carcinomas basocelulares e carcinomas espinocelulares e, por outra banda, o propio melanoma, que conta con peor prognóstico. Os primeiros son máis frecuentes e preséntanse en zonas da pel expostas de forma crónica á luz solar en pacientes maiores de 50 anos.
O melanoma pode aparecer en calquera parte do corpo e preséntase a calquera idade, aínda que é pouco frecuente na infancia. Cada ano diagnostícanse 5.000 casos de melanoma en España.
O de pel é o cancro máis frecuente, segundo a Organización Mundial da Saúde, e tamén é o tumor máis previsible e con bo tratamento, sempre que se detecte a tempo. O 80% dos casos de melanomas pódense curar con cirurxía, segundo a información facilitada polo complexo.