A illa da Toxa acollerá un espazo para a "reflexión e defensa" da democracia liberal
Por Oskar Viéitez
Os próximos 3, 4 e 5 de outubro as instalacións do Eurostars Gran Hotel La Toja recibirán aos participantes do I Foro Atlántico que, baixo o epígrafe "Un espazo para a reflexión e a defensa da democracia liberal" promete reunir a un nutrido grupo de "voces autorizadas" dos ámbitos político-institucional e económico-financeiro a escala mundial.
O encontro, impulsado polo presidente de Grupo Hotusa, Amancio López, pretende abrir "un necesario espazo de diálogo, reflexión e defensa dos valores que definen ás sociedades democráticas".
Esta iniciativa foi oficialmente anunciada este venres no marco dun acto celebrado no propio establecemento e que reuniu a máis de 100 representantes do sector político, empresarial e dos medios de comunicación de Galicia.
A presentación correu a cargo do propio Amancio López, quen, tras unha breve introdución, deu paso ao economista e catedrático, Antón Costas e ao ex ministro, economista e empresario Josep Piqué. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, foi o encargado de clausurar o encontro.
Aínda que o programa non está completamente pechado aínda, algúns relatores xa confirmados nas distintas mesas son Rebeca Grynspan, secretaria xeral iberoamericana; Alejandro Alvargonzález, secretario xeral adxunto da OTAN; Steve Pinker, catedrático de Harvard e autor de "En defensa da ilustración"; Emilio Lamo de Espinosa, presidente do Real Instituto Elcano; David Gardner, responsable da área de asuntos internacionais do Financial Times; o politólogo francés Marc Lazard, e a alta comisionada do Goberno para a Axenda 2030, Cristina Gallach.