Efecto Pasillo e "as mellores orquestras", nas Festas do Carme de Marín
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín vén de anunciar as Festas do Carme, que este ano durarán 11 días, do 6 ao 16 de xullo. As concelleiras Marián Sanmartin, Raquel Soage, Beatriz Rodríguez e Itciar Álvarez estreáronse coa presentación do cartel e do programa. Foi un traballo conjunto coordinado con festas, cultura, deportes e actos institucionais.
As Festas do Carme arrancarán o sábado 6 coa lectura do pregón a mans do boxeador marinense Aarón González, que conseguiu levar o nome da vila no deporte a nivel nacional e internacional con moitos éxitos colleitados, quen virá acompañado do seu club Team Thunder.
Seguidamente, terá lugar o XIII Certame de bandas de gaitas Virxe do Carme, organizado por Airiños de San Xulián na Alameda Rosalía de Castro, no que tamén participará a banda de gaitas Ortegal de Ortigueira e San Pantaleón de A Coruña.
O domingo 7 de xullo destacará a actuación do grupo galego Cantigas e Agarimos na Alameda, con bailes dirixidos polo marinense Pedro Brañas, quen realiza un importante traballo de recuperación da tradición etnográfica galega.
Unha das actuacións máis importantes da programación musical será o concerto de Efecto Pasillo e o DJ Dani Moreno, o sábado 13 de xullo no Parque Eguren. O día anterior, o venres 12 de xullo terá lugar o concerto Marín Dance Festival.
O cartel das Festas do Carme de Marín contará "coas actuacións das mellores orquestras da actualidade": Panorama, Combo Dominicano, Miramar, La Ola Adn, París de Noia, Capitol e Johnny Maquinaria, durante os días de festas.
Haberá tamén concertos como o do grupo folk Laroá, o do grupo pop POL 3.14 e a actuación de Pili Pampín na véspera do día do Carme.
Do mesmo xeito, súmanse pasarrúas e grupos folclóricos, como Airiños de San Xulián, Pousos de Area, Trompos Os Pés, Os de Marín, Picuiña e Chaneiros e das charangas Noroeste, Jalácticos e OT. E polas mañás, haberá actividades infantís con Tarabelos, Mago Noel e O Mago Paco, na Alameda.
Ademais, haberá actividades de dinamización lingüística como "Canta miña pedra canta" ou o espectáculo "Amantes da terra" de Queiman e Pousa, en homenaxe a Antón Fraguas; e tamén Cantos de Taberna con Os Saljariteiros e o concerto da Banda de Música Artística de Arcade.
Celebraranse os tradicionais Campionatos de Billarda, Chave e Petanca da Asociación Gharaboto, unha exhibición de ximnasia rítmica do Clube In Mare e tamén Schoolboys con exhibición de Sparring do Team Thunder.
Incluirase a festa de San Cristovo, patrón dos conductores, e a gran Batalla de Flores Nocturna; e as festas rematarán o día grande, martes 16 de xullo, coa misa na honra da Virxe do Carme e pola tarde coa ofrenda floral e a procesión marítimo-terrestre e a tradicional gran tirada de fogos de artificio a ritmo da orquestra Panorama.
Relacionadas:
-
RADIO.- Laroá amalgama música, danza e videocreación na súa xira Camiños
Por Marisa Ciordia |
-
Marín, a rebordar coa actuación da orquestra Panorama
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
As festas do Carmen de Marín entran nos seus días grandes da man de Efecto Pasillo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Marín, festa día e noite e para todas as idades polo Carmen
Por Redacción |
-
O pregón de Aarón González dá o pistoletazo de saída ás Festas do Carme
Por Redacción |