Actuacións de mantemento nos paseos portuarios de Beluso, Raxó e Meloxo e na estación marítima de Vilanova de Arousa
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar varias actuacións de mantemento en paseos portuarios e estacións marítimas de madeira da provincia de Pontevedra.
A intervención de maior calado estase a realizar no paseo portuario de Beluso, en Bueu, con máis de 20.000 euros de investimento.
O ente público tamén está a facer labores de mellora nos paseos portuarios de Raxó, no concello de Poio, por 6.600 euros, e no de Meloxo, no Grove, por case 6.000 euros, así como na estación marítima de Vilanova de Arousa, cun orzamento de 3.500 euros.
Precisamente, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou recentemente o porto de Raxó para supervisar os labores que se están a realizar nesta zona.
No caso das estruturas de madeira dos paseos portuarios, as actuacións céntranse nas varandas e no entaboado do chan. Primeiro procédese a unha limpeza profunda con auga, empregando unha máquina hidrolavadora, e unha vez secas aplícaselles un tratamento para favorecer a súa conservación. As actuacións nas estacións marítimas, pola súa banda, consisten no lixado de toda a madeira e a aplicación de varias capas de verniz.
Os traballos que está a realizar o ente público nas construcións de madeira da costa de Pontevedra teñen como obxectivo principal a súa conservación e mantemento, o que permitirá alongar a súa vida útil.