Cúmprense 20 anos de colaboración entre escolas de Cuba e Pontevedra a través da UNESCO
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu este luns a Delia Vera Medina, coordinadora da Rede de Escolas Asociadas á Unesco en Cuba, que destacou o traballo que desde hai 20 anos realiza conxuntamente con varios centros educativos da provincia de Pontevedra en materia de proxectos internacionais e socioculturais.
"Mantemos unhas relacións moi fluídas desde o ano 1999" comentou Luisa Márquez, coordinadora autonómica das escolas da Unesco, quen tamén estivo presente nesta recepción.
É o caso do instituto de educación secundaria Luís Seoane de Pontevedra que mantén un intercambio educativo co Instituto Preuniversitario Vocacional de Ciencias Exactas Che Guevara de Santa Clara, en Cuba. O instituto de Monte Porreiro forma parte da Rede de Escolas Unesco desde fai vinte anos.
Tamén o alumnado do Conservatorio Manuel Quiroga, de Pontevedra e do conservatorio e da escola de música municipal de Redondela, con destacadas colaboracións con centros formativos de Cuba.
Como exemplo desta relación citaron ao "Proxecto Atlántico" co que se creou unha comunidade de aprendizaxe a través do intercambio e o diálogo entre as escolas participantes co fin o favorecer o coñecemento das diferentes culturas e recoñecer e respectar as identidades diversas.
Outra iniciativa citada como exemplo desta relación é o proxecto "Camiños de ida e volta", nacido no IES Luís Seoane e que serve como ponte con Cuba (A Habana, Santa Clara) e Arxentina (Buenos Aires, Río Ceballos, Capilla del Monte, Córdoba), e que traballa na recuperación dunha parte importante da memoria de Galicia a través das historias familiares. Os relatos son recolleitos coas voces dos protagonistas da emigración ou dos seus descendentes, con fotografías e documentos gardados durante décadas.