PSOE e BNG cítanse este mércores para falar do futuro goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez
Este mércores terá lugar un encontro entre o PSOE e o BNG para falar do futuro goberno da Deputación para reeditar o pacto do último mandato. Ambas as partes cren que a negociación será rápida e confían en que se alcanzará un acordo esta mesma semana.
Tanto a presidenta da Deputación, a socialista Carmela Silva, como o vicepresidente do goberno provincial, o nacionalista César Mosquera, expresaron a súa satisfacción polo funcionamento do bipartito nestes catro anos e valoraron de maneira moi positiva a xestión que conxuntamente levaron a cabo.
Carmela Silva mesmo cualificou como "inmellorable" ese pacto de goberno "tanto a nivel político como persoal" e mesmo puntuou esta relación como de "matrícula de honra".
Pola súa banda César Mosquera anhela dar continuidade ao traballo iniciado hai catro anos.