As familias do colexio de Verducido denuncian o peche dunha aula de infantil, que Educación xustifica pola baixa matrícula
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As familias e a asociación de nais de pais ANPA da Escola de Educación Infantil (EEI) de Verducido denunciaron este martes que a Consellería de Educación incumprirá a palabra que lles deu a principios deste ano 2019 e pechará unha aula do centro para o vindeiro curso.
A comunidade educativa deste colexio público xa denunciara meses atrás o seu temor a que a Consellería reducira as unidades educativas presentes ata agora no centro, pero naquel momento a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra deulles a súa palabra de que a escola se mantería. Finalmente, a promesa non se cumprirá ao 100%, senón só nunha parte. Así, á vista da falta de matricula que se rexistrou neste centro, desde a Administración indican que non poden seguir mantendo tres unidades.
Familias e ANPA indican que este mesmo martes 25 de xuño notificóuselle ao centro a supresión dunha das mestras de infantil con praza definitiva na escola, o que, a fins prácticos, supón o peche dunha aula de Infantil. Desta maneira, tan só quedará unha aula para todos os nenos de infantil e outra para todos os de primeiro e segundo de primaria.
A Consellería explica que a situación das unidades para o próximo curso varía ante o baixo número de alumnado, pois este ano matriculáronse tres nenos de tres anos fronte aos sete do curso pasado.
Durante o curso académico 2018-2019 que acaba de rematar o centro tiña 37 alumnos en tres aulas desde 3 anos de infantil a segundo curso de primaria: 10 de 3 anos de infantil, 11 de 4 e 5 anos con e 16 de primeiro e segundo de primaria. Para o próximo haberá 17 nenos en infantil e 14 en primaria, o que non permite desdobrar infantil.
De feito, desde a Xunta matizan que en infantil fanse desdobres a partir de 18 alumnos se hai nenos de 3 anos, pero neste caso só hai 17..
Ante esta situación, a Inspección Educativa presentou un catálogo de profesorado co que se pretende cubrir todas as necesidades do centro: con dous profesores, un deles con afín a PT; unha orientadora; e un profesor de Inglés con afín a AL (que procede do centro de Xeve, o máis próximo a Verducido).
Desde a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra insisten en que cumpriron co seu compromiso de manter unha unidade para primeiro e segundo curso de Primaria neste centro. Para facelo, aplicaron "o principio de medida excepcional", como se pode comprobar co feito de que este sexa o único caso que existe na provincia de Pontevedra con esta situación.
Nun comunicado feito público na noite deste martes, as familias citaron de forma expresa ao xefe territorial de Educación, Cesar Pérez Ares, e aseguraron que "non está cumprindo a palabra que deu as familias" de que a escola de Verducido se mantería co mesmo número de profesorado, permanecendo tal como estaba ata este curso.
Para atender este alumnado, contaban con tres profesoras titoras a tempo completo -unha delas asumía tamén as funcións de directora e de profesora de inglés- e un especialista en Audición e Linguaxe, un orientador e un docente de Relixión compartidos con outros centros. A partir deste curso, só serán dúas as titoras.
A primeira denuncia das familias realizouse porque a principios deste curso escolar 2018-19 tiveron coñecemento de que o centro non tería os profesores de reforzo que adoitaba recibir cursos atrás, perdendo especialidades como música ou de persoal de apoio que si tiñan anos atrás.
Tras aquela denuncia, desde Educación comprometéranse a que o centro se mantería nas mesmas condicións que ata o de agora mentres houbera matrícula.
Relacionadas:
-
A comunidade escolar de Verducido reclama a recuperación da segunda mestra de infantil
Por Redacción |
-
Lores e Tino Fernández animan ás familias a escolarizar aos nenos en colexios do rural
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A escola de Verducido consigue un novo alumno e resístese a perder unha mestra
Por Redacción |
-
Verducido pecha filas en defensa do seu colexio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A comunidade educativa da escola de Verducido asegura que non vai permitir o seu peche
Por Redacción |