A longa noite do paseo das Palmeiras
Por Manu Otero
O emblemático paseo das Palmeiras de Pontevedra non atravesa o seu mellor momento. Escenario histórico no que se escenificou a fundación do equipo de fútbol da cidade e no que creceron miles de pontevedreses xogando nos seus bambáns, cebando aos patos do estanque a base de 'gusanitos' e fascinándose co porte do pavo real que habitaba no aviario; o parque leva agora unha tempada sumido nun caos de difícil comprensión.
Hai dous anos, o Concello inauguraba a remodelación do estanque e do pombal tras varios anos abandonados e hai unhas semanas substituíron o chan de caucho da área de lecer infantil por unha cuberta de herba artificial. Un lavado de faciana que contrasta co mal aspecto que locen as zonas axardinadas. "Agora mesmo parece máis unha selva que un parque", sostén Carmen Pereira, unha veciña afeita a pasear todas as mañás por este lugar.
O céspede que rodea as máis de corenta especies de árbores e plantas do paseo leva semanas sen cortar polo que as malas herbas comezan a expandirse sen control e ocupan xa as marxes dos carreiros. E con elas unhas pequenas margaridas que, polo menos, mitigan a sensación de abandono. Unha miraxe. Porque basta con avanzar uns metros para darse de fronte con envoltorios de plásticos e botellas espalladas por toda a superficie.
Tampouco se libran da falta de coidados as plantas florais que coroan os xardíns. As follas secas e podrecidas colgan dos talos e no chan acumúlanse centos delas, xa tinguidas de cor marrón, caídas das árbores. "Paso por aquí a miúdo e sempre estivo moi ben coidado, non se como está tan mal agora", pregúntase a pontevedresa Laura García. "Cando veñan co soplador e o anciño van ter chollo dabondo", sostén Andrés Pequeño coa esperanza de que o paseo recupere pronto o brillo que nunca perdera.
Desta falta de mantemento tampouco se libra a fonte nin o estanque. O vaso da primeira está cheo de ramas e tamén dalgún que outro envoltorio de plástico e cartón. O mesmo problema presenta o estanque, aínda que a súa imaxe é aínda peor pola cor marrón que presenta a auga desde hai días. E aínda por riba, o monumento aos mariñeiros está rodeado de valos. A intención era impedir achegarse ao mesmo, pero os mozos que adoitan reunirse na contorna desta escultura apartaron os arames para sentar sobre a mesma, en cuxo contorna hai restos de bebidas e vasos de plástico.
"É unha pena, sobre todo agora que chega o verán e moita xente achégase aos columpios cos nenos ou a pasar un intre á sombra das árbores", lamenta Jaime Conde, que apuraba o descanso no seu traballo para tomar o aire.
O mal momento que atravesa o parque coincide cunha época de cambios no goberno municipal. A área de parques e xardíns, ata agora en mans do nacionalista Alberto Oubiña, xa é responsabilidade do socialista Iván Puentes, inmerso estes días en reunións constantes cos equipos e funcionarios da súa concellería para poñerse ao día de todos os proxectos e traballos en marcha.
"Estamos a empezar e aínda non se cambiaron as rutinas", admite o concelleiro, que é consciente do mal estado do paseo. "É verdade que hai zonas que despois de días de choiva e vento necesitan unha batida máis intensa. Nos próximos días actuarán para segar a herba", asegura.
Sobre os danos estruturais dalgúns elementos, como o monumento aos mariñeiros, a falta de azulexos e ornamentos do estanque dos patos ou as pintadas que manchan o mural do pombal, Puentes responde que "estamos a planificar o traballo para as próximas semanas".
O mantemento das zonas verdes do Concello pivota sobre dous eixos. Por unha banda, o servizo está adxudicado desde hai case unha década á empresa Ferrovial, que ten contratados a doce operarios encargados do mantemento dos xardíns. Por outro, a concellería dispón dunha pequena brigada de reforzo que acode a arrombar aquelas zonas nas que hai maior urxencia cando o responsable do departamento ordénao.
O contrato con Ferrovial expira o próximo ano e, aínda que pode ser prorrogado, a intención do edil Iván Puentes é sacar un novo concurso que corrixa os defectos do actual servizo. "No últimos dez anos o número de zonas verdes do Concello incrementáronse moito", conclúe o socialista.
Relacionadas:
-
O futuro do estanque do Paseo das Palmeiras: De refuxio para patos a circuíto para barcos de radiocontrol
Por Manu Otero |
-
A restauración do Monumento aos Navegantes custará 30.000 euros
Por Manu Otero |
-
En marcha a mellora da zona de xogos da Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Posta a punto das árbores e zonas verdes da Alameda, as Palmeiras e A Ferrería
Por Redacción |
-
O Concello atalla as queixas sobre o paseo das Palmeiras cunha campaña de limpeza
Por Manu Otero |
-
Os cedros das Palmeiras abandonan a UVI
Por Redacción |