Cada 'colono' de Ons terá seis pases diarios para familiares ou amigos
Por Redacción
Todos os concesionarios dalgunha vivenda en Ons poderán dispoñer dun total de seis pases diarios á súa disposición para autorizar o acceso á illa a outras tantas persoas, con independencia de que sexan familiares directos ou non.
Así llo comunicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, voceiros dos grupos municipais do Concello e representantes das asociacións veciñais, cos que concretou definitivamente os criterios que aplicará a Xunta á hora de regular o acceso á illa por parte de concesionarios, familiares e achegados.
Do Campo reiterou que todos os titulares dunha concesión en Ons así como os seus familiares ata cuarto grao (é dicir, tataranetos e tataravós incluídos) poderán acceder á illa, libremente e á marxe do cupo xeral que se aplica desde este ano, grazas a un carné persoal e intransferible expedido pola consellería co fin de facilitarlles o acceso.
A directora trasladoulles tamén que o dereito a solicitar estes carnés estenderase aos irmáns dos titulares das concesións, confirmando así un compromiso que xa asumira estudar cos representantes veciñais de Ons nun dos seus primeiros encontros.
A proposta da Xunta de asignar a cada concesionario seis pases diarios responde a unha petición que lle trasladaron veciños e corporación municipal na reunión celebrada hai un mes.
Estas autorizacións foran solicitadas para cubrir as posibles pernoitas ou visitas ás súas casas de persoas coas que non teñan parentesco directo.
Cada concesionario dunha vivenda vinculada a uso residencial daráselle unha clave persoal de acceso á web para a reserva de autorizacións coa que poderá solicitar ata seis pases diarios para outras tantas persoas. A solicitude terá que facela o titular da concesión e as autorizacións incluirán tamén a posibilidade de pasar a noite na illa.
Durante a reunión, a directora xeral de Patrimonio Natural insistiu unha vez máis en que calquera dereito de acceso deberá respectar os informes técnicos que sinalan cal é a capacidade máxima que pode soportar este enclave natural, sen que se poñan en perigo os seus valores paisaxísticos e ambientais.
A Xunta, unha vez rematada a tempada estival, fará unha avaliación de como funcionou na práctica o sistema de acceso a Ons para os concesionarios, familiares e achegados, co fin de verificar se, efectivamente, o sistema de carnés e a asignación de seis pases diarios a cada titular cubre ben as necesidades.
Con esta nova xuntanza, a Consellería de Medio Ambiente agarda dar un paso definitivo de cara a concretar o sistema de acceso que regulará de agora en adiante as entradas e saídas da illa de Ons no caso das persoas con dereitos de concesión e tamén dos seus familiares.
Desde o mes de maio, a Consellería de Medio Ambiente tramita todas as solicitudes de carnés que recibe por parte dos titulares de Ons e dos seus familiares e a día de hoxe son xa 150 as persoas que dispoñen deste distintivo.
Relacionadas:
-
O alcalde de Bueu, cos veciños de Ons na súa loita contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Os veciños de Ons e Abel Caballero, fronte común contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Piden maior seguridade no Burato do Inferno e o peirao de chegada á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Ons e Sálvora, unidas por primeira vez nunha ruta marítima
Por Redacción |
-
Galicia, "absolutamente obsesionada" con que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade
Por Alejandro Espiño |
-
Voluntarios contra as especies invasoras en Ons
Por Redacción |
-
Os concesionarios de Ons deberán concretar o número de familiares aos que queren estender o acceso á illa
Por Redacción |