Mosquera: "Vai a haber pacto seguro. De investidura, de mandato ou de goberno de coalición? Iso é o que está por afinar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O vicepresidente da Deputación e recentemente elixido novo deputado polo BNG, César Mosquera, constatou este venres que o seu partido e o PSOE pactarán para garantir que Carmela Silva repita como presidenta da institución provincial, pero indicou que aínda quedan por afinar os detalles dese pacto.
"Vai a haber pacto seguro. De que? De investidura, de mandato ou de goberno de coalición? Iso é o que está por afinar", indicou Mosquera despois de participar no último pleno do actual mandato na Deputación.
A negociación para o futuro goberno da Deputación corresponde a Mosquera polo BNG e a David Regades, secretario provincial do PSOE, pola parte socialista. Segundo indicou o nacionalista, xa se reuniron, pero as negociacións non só están a ser presenciais, senón que están a utilizar outros medios como os correos electrónicos ou o intercambio de WhatsApp ou documentos.
Segundo indicou, non existe "nada en particular" que estea a dificultar as negociacións, senón que están "afinando" e "analizando" e non é só "un único detalle". Xa sucedeu o mesmo hai catro anos, cando negociaron e acabaron firmando un acordo de Goberno Bipartito.
Nesta ocasión, a representación dos dous partidos cambiou, pois o PSOE gañou tres deputados, pasando de 10 a 13 e o BNG perdeu un, pasando de 4 a 3. Esta nova situación, condicionará o novo acordo.
Ningún dos dous partidos se marca prazos para chegar a ese acordo, pois está garantido o pacto para a investidura de Carmela Silva, presidenta actual e candidata do PSOE a repetir. Mesmo podería ser despois do Pleno de investidura.
Mosquera tamén descartou este venres que ese acordo vaia estar condicionado pola situación que está a vivir o BNG en Vigo. O partido só obtivo un concelleiro e o PSOE, que goberna con maioría absoluta de 20 dos 27 concelleiros, propuxo que non teña grupo propio, senón que pase ao grupo mixto. O malestar nacionalista non se fixo esperar e chegaron a ameazar con non apoiar a Carmela Silva na Deputación.
Este venres, Mosquera asegurou que "non vai a condicionar para nada" e sinalou que se os acordos a nivel provincial ou a nivel galego estiveran condicionados por cada localidade, "non habería nunca ningún acordo nin se empezaría". Comprende o "disgusto" e o "cabreo" dos seus compañeiros de Vigo, pero rexeita que afecten ao futuro pacto.
Carmela Silva insistiu este venres, como leva facendo as dúas últimas semanas, en que non forma parte das negociacións, pero a súa postura persoal é que espera e desexa que BNG e PSOE poidan "compartindo un proxecto de provincia". Destacou que o bipartito dos últimos catro anos deu bos resultados e que está "encantada" co último mandato.
"Eu estaría encantada e ademais desexaría que fose moi rápido", indicou, pero non pode achegar detalles porque non é parte negociadora. Mosquera confía en que se va "afinar" ese pacto "relativamente rápido" e tamén desta a historia "moi positiva" que comparten os dous partidos.
Relacionadas:
-
PSOE e BNG selan o pacto para cogobernar a Deputación e "seguir afondando" no seu "cambio radical"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Carmela Silva, sobre o pacto entre PSOE e BNG na Deputación: "Gustaríame pechalo canto antes"
Por Manu Otero |
-
PSOE e BNG cítanse este mércores para falar do futuro goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Estes serán os deputados da próxima corporación provincial
Por Oskar Viéitez |