Un "pleno dos desexos" para pechar o mandato da Deputación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Deputación Provincial de Pontevedra encara xa as últimas rabexadas do mandato 2015-2019. Antes da investidura oficial da nova corporación, prevista para o vindeiro mércores 3 de xullo, este venres celebrouse o último pleno do ciclo político, unha sesión de apenas cinco minutos que ben podería resumirse como o "pleno dos desexos".
A sesión tan só tivo dous puntos na orde do día, o pronunciamento sobre a urxencia da convocatoria e a aprobación da acta do pleno anterior, de carácter extraordinario e celebrado o 30 de abril. Ambos os aspectos aprobáronse con rapidez e o resto da sesión estivo copado por un discurso de despedida da presidenta provincial, Carmela Silva.
A máxima mandataria, que o vindeiro mércores 3 volverá ser investida de novo para o cargo, foi a que insistiu en que este venres era "o día dos desexos", pois dedicou o seu apenas tres minutos de discurso a desexar o mellor aos deputados do mandato saínte, tanto aos que repetirán durante o novo período como aos que se despiden.
Aos que se van deséxalle "que sexan felices" e mostra o seu desexo tamén de que o novo goberno da Deputación " sexa capaz de formar parte desa felicidade", garantindo dereitos e servizos que o permitan.
Para todos, os que se van e os que continúan, ten un dese conxunto, "traballar pola provincia", e que achegar ideas no marco "máis cordial posible".
Ademais, tivo un agradecemento "sentido" a todos os deputados que foron socios de goberno durante este último mandato, do PSOE e do BNG. Mostroulles o seu "profundo orgullo"¨polas políticas postas en marcha e destacou que se xeraron entre todos eles relacións afectivas.