Policías, militares e políticos dan por inaugurada a nova campaña de loita contra o lume
Por Redacción
Responsables da Policía Autonómica, a Garda Civil, o Exército, a Subdelegación do Goberno e a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural participaron este venres na reunión do Comité Provincial de Coordinación na Loita contra os Incendios Forestais para traballar na campaña de loita contra o lume deste ano.
O obxectivo desta reunión foi analizar a situación actual de cara a afrontar a nova etapa de alto risco de incendio. Reiterouse a importancia de prestar unha especial atención ás parroquias de Alta Actividade Incendiaria caracterizadas polo número de incendios forestais reiterados (parroquias que tiveron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou pola virulencia dos seus incendios forestais declarados.
Concretamente, na provincia de Pontevedra existen na actualidade 15 parroquias en 12 concellos, entre elas, as de Saiar, en Caldas de Reis, e Poio.
Ademais, analizáronse as situacións de incendios vividas en anos anteriores para mellorar a prevención e a coordinación e planificáronse a actividade de vixilancia preventiva por zonas e por corpos policiais.
No encontro abordouse o importante esforzo que se está facendo para garantir o control das franxas de seguridade próximas aos núcleos de vivendas, así como o control e vixilancia do arborado próximo a vivendas e vías principais.