Dimisión na área sanitaria: o coordinador da xestión da Atención Primaria deixa o cargo por motivos persoais
Por Redacción
O doutor José Andrés Seco Otero, ata agora coordinador de atención primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, presentou a súa dimisión neste cargo alegando motivos persoais.
A Dirección da área sanitaria aceptou a decisión por motivos de índole persoal e anunciou que será efectiva administrativamente no Servizo Galego de Saúde nun breve prazo de tempo.
Co obxectivo de dar continuidade á actual coordinación da xestión da Atención Primaria da área sanitaria, a estrutura directiva da área sanitaria asumirá as funcións organizativas do dimisionario.
Ademais, abren un período administrativo reglado para efectuar unha nova convocatoria pública deste posto de responsabilidade asistencial.
A Dirección da área sanitaria respondeu este venres á dimisión destacando que avala e agradece os servizos prestados en tarefas de dirección e coordinación de atención primaria. Destaca, ademais, o seu traballo, compromiso e adicación,
O doutor José Andrés Seco Otero conta cunha dilatada experiencia profesional no eido sanitario público galego, no que desenvolveu durante as últimas décadas distintos postos de responsabilidade e coordinación na estrutura directiva da rede autonómica do Servizo Galego de Saúde, todos eles relacionados coa xestión de recursos sanitarios.
José Andrés Seco Otero é funcionario de carreira, coa categoría de Inspector médico e destino en Vigo. Incorporouse ao equipo directivo da Estrutura Organizativa de Xestión integrada de Pontevedra e O Salnés o 25 de setembro do ano 2009, asumindo desde entón diversos postos de traballo na xestión desta área sanitaria, responsabilidades nas que desenvolveu o seu labor profesional dun xeito que a xerencia destaca que foi "altamente satisfactorio".