Limpan a beira do rego de Santa Susana de árbores caídas e maleza
Por Redacción
O rego de Santa Susana, no Concello de Barro, está a ser limpado por operarios da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia.
Estes traballos de mantemento están a levarse a cabo nos treitos interurbanos deste río ao seu paso pola parroquia de Perdecanai, no lugar da Gándara.
As obras céntranse na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Sur e as súas zonas de acceso e protección.