Detectan problemas estructurais na fachada dun edificio de once plantas da Alameda
Por Alejandro Espiño
Un edificio de once plantas, situado na rúa Alameda, presenta problemas estruturais na súa fachada. Así o advertiu a comunidade de propietarios ao Concello, que autorizou a realización dunha serie de traballos de urxencia para impedir que haxa danos ou que se poida crear unha situación de risco.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, fixo un chamamento á tranquilidade porque o problema afecta unicamente á fachada e non hai risco de que o edificio esborralle.
A partir de mañá instalarase unha malla metálica de seguridade, similar ás que se colocan nos noiros das autovías, para impedir desprendementos.
Ademais, os servizos técnicos do Concello acordaron a realización de obras provisionais que, a grandes liñas, supoñerá o apontoamento da fachada e a instalación dunha marquesiña que protexa a rúa de posibles caídas de elementos da fachada.
Estes traballos obrigarán a cortar os dous carrís de tráfico de rúa Alameda durante uns quince días. Para manter a circulación dos vehículos cara a Echegaray e a Praza de España, que será limitada, habilitarase a actual zona de estacionamento.
Tras visitar a zona e comprobar a situación do edificio, os técnicos municipais tamén deron orde de crear un perímetro de seguridade duns dez metros, que inclúe a zona axardinada da beirarrúa, para impedir o acceso a esa parte da rúa.
O edificio, segundo traslada o goberno municipal, non necesita ser desaloxado e os veciños que habitan nel non corren risco algún. O problema, reiteran, está localizado na fachada e o resto da estrutura atópase en perfecto estado.