Poio iza a bandeira azul en Cabeceira
Por Manu Otero
O izado da bandeira azul na praia de Cabeceira dá o pistoletazo oficial ao verán no Concello de Poio. O alcalde Luciano Sobral foi o encargado de levantar o único distintivo que ostenta este ano o municipio, aínda que xa planean ampliar o catálogo para o próximo ano. "O ano que ven imos solicitar a bandeira para a praia de Lourido porque xa cumpre con todos os requisitos", afirmou o rexedor.
Antes de proceder ao izado da bandeira. o mandatario nacionalista pasou revista a todos os servizos da praia, que conta con posto de vixilancia, aseos, asistencia para o baño para persoas con mobilidade reducida e unha rampla de acceso ao areal na que os operarios municipais traballan estes días.
"A varanda estaba un pouco danada e estamos reparándoa", puntualiza Sobral. Aínda que Cabeceira é a única con bandeira azul, o servizo de socorrismo tamén se presta na praia de Xiorto, en Raxó, que perdeu o distintivo hai dous anos pero mantén todos os servizos.
Outra das novidades do verán no Concello de Poio é o catálogo de praias sen fume. O ano pasado só había tres areais nas que estaba prohibido fumar, mentres que esta tempada sumáronse catro novas praias. Das quince praias do muniicpio que constan na listaxe da Xunta, os sete areais nos que ondea a bandeira branca da Consellería de Sanidade son: Cabeceira, Xiorto, Laño, Area da Barca, As Sinas, Raxó e Lourido.