Os comerciantes de Pontevedra agardan unha campaña de rebaixas mellor que a do 2018
Por Manu Otero
Chega o mes de xullo e con el a esperada tempada de rebaixas de verán. Aínda que os descontos xa se aplican desde hai uns días nalgúns dos comercios da comarca, é a partir de hoxe cando todos os comercios ofrecen importantes rebaixas nas súas mercadorías. A Federación de Comercio de Pontevedra fixo público hoxe os resultados da tradicional enquisa entre consumidores e a principal conclusión é que, de media, cada pontevedrés gastarase uns 56 euros nesta campaña, que se estenderá ata setembro.
Desde o colectivo explican que ao longo do primeiro semestre, moitas tendas xa realizaron campañas de descontos polo que os resultados das tradicionais rebaixas "poden verse mermados". Nas primeiras semanas, os prezos reduciranse entre un 50 % ou 60 % na maioría dos establecementos, que pasasen ao 70 % a partir da segunda quincena do mes e alcanzarán o 80 % en agosto. As previsións para a campaña estival auguran un crecemento do 5 % con respecto ás rebaixas do ano anterior.
O gasto total estimado na provincia superará os 58 millóns de euros. A área de Vigo será a que máis facturará cunha previsión de 27 millóns, mentres que os ingresos esperados na comarca de Pontevedra cífranse en 8 millóns e en 6 para a do Salnés. Os gastos dos cidadáns destinaranse principalmente a roupa (52 %) e calzado (28 %), aínda que moitos compradores aproveitan os descontos para facerse con mobles ou electrodomésticos.
Por municipios, o gasto medio por persoa en Pontevedra sitúase por encima da media e alcanza os 64 euros, un máis que no veciño municipio de Poio. No resto de municipios da comarca, o desembolso oscila entre os 58 e 60 euros por persoa, e a media da comarca está en 59.63 euros. Un dos grandes alicerces desta camapaña, segundo a Federación de Comercio de Pontevedra é o comercio electrónico que "cada ano gaña en importancia", conclúen no seu comunicado.