"Justicia con minúsculas" para asinar a paz social no conflito dos mercados ambulantes
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
"Que al final triunfe la justicia, aunque sea con minúscula, para poner un poco de sosiego en todo esto". Quen fala é Alfredo Iglesias, un dos avogados que este luns exerceu no xuízo que sentou no banco dos acusados a dous grupos enfrontados de persoas dedicada á venda ambulante, os 'Morones' e os 'Zamoranos'. A vista oral acabou cun acordo de conformidade que inclúe penas moi inferiores ás solicitadas pola Fiscalía e polas dúas partes enfrontadas, pero axudará a asinar a paz social.
A "paz social" é un concepto utilizado por Iglesias e por Mario Sánchez Trigo, outro letrado que este luns defendía a un cliente do 'bando' contrario en tanto que se entende que ao pecharse este xuízo con penas reducidas para todos eles, poñerase fin á escalada de violencia que había ido crecendo nos últimos anos entre ambos os grupos.
O xuízo serviu para xulgar un enfrontamento no mercado ambulante de Cangas no ano 2015, pero o enfrontamento viña de atrás e continuou ata a actualidade, cun tiroteo recente con dous feridos na localidade de Porriño polo que está en busca e captura Juan Pablo Giménez Jiménez, irmán de Sinaí Gímenez, considerado o rei dos xitanos en Galicia e líder dos 'Morones'. Entre o 'Zamoranos' non hai ningún líder destacado sobre outros.
A paz tan perseguida empezouse a asinar este luns con tres horas e media de negociacións entre os avogados de ambas as partes e a Fiscalía. Tivo o visto bo -e o impulso tamén- dos anciáns do coñecido como clan dos 'Morones'. Varios deles desprazáronse ata os xulgados da Parda, onde se celebraba o xuízo, e esperaron no exterior a que Sinaí Giménez saíse a consultarlles o acordo proposto. Co seu visto e prace, asinouse.
O propio Giménez Jiménez explicou, tras confesarse autor de catro delitos de lesións e aceptar catro anos de prisión -aínda que non entrará no cárcere-, que asinou ese acordo porque foi "lo que los ancianos nos han recomendado". Saíu, contoullo e eles "lo vieron con buenos ojos". Co apoio dos seus avogados, asinaron.
A preguntas da prensa sobre a súa satisfacción co acordo, limitouse a asegurar que "si los ancianos deciden así y ellos no declaran (en alusión aos 'Zamoranos') nuestros abogados lo ven con buenos ojos, pues ahí estamos". Ademais, engadiu unha frase que reflicte o caldeados que están os ánimos entre ambos os grupos a raíz do control dos mercados ambulantes de Galicia: "Lo interesante, que nadie va a prisión y eso quieras que no, calma la situación".
Mario Sánchez Trigo defende os intereses dun dos acusados 'Morones' e explicou que o acordo perseguía que houbese "paz entre las partes" porque é "lo que querían los ancianos". Finalmente, ninguén entrará en prisión e non haberá que pagar indemnizacións, pero estletrado insiste en que "no es tanto la diferencia establecida como la paz que supone conseguir entre las partes".
O letrado representa a un grupo que este luns mobilizou ata a Parda a medio centenar de persoas. Mantivéronse á espera do resultado das negociacións, rodeando o xulgado mentres 36 axentes da Policía Nacional garantían a seguridade e, á saída de Sinaí Giménez, recibírono con aclamacións. A pesar desa actitude, non se cansou de repetir a súa procura da paz. "Se intenta que se firme de una vez por todas".
Este acordo foi, polo menos, unha primeira pedra. O seu compañeiro Alfredo Iglesias, que defende a un acusado dos 'Zamoranos', recoñeceu que ese acordo non obedece tanto á verdade do ocorrido naquela liorta como á "situación compleja" deste procedemento. Quixeron abordalo de forma breve e "más o menos satisfactoria para todos".
"Esto es lo que hay, así se resuelven los litigios y así se ha resuelto en esta situación", indicou, resignado, coa esperanza de que este acordo sirva como "un punto de inflexión" en canto ás relacións entre a familia Giménez Jiménez e os seus achegados e os coñecidos como 'Zamoranos', dos que el asegura que son "personas pacíficas que se sometieron durante mucho tiempo a ciertas presiones por parte de esta familia".
O acordo final non lles agrada "todo lo que nos gustaría", pero asinárono para "tirar para delante e intentar poner un poco de sosiego". E, o xa dito, "que al final triunfe la justicia, aunque sea con minúscula, para poner un poco de sosiego en todo esto".
Relacionadas:
-
Sinaí Giménez eludirá entrar en prisión a pesar de ser condenado a catro anos por unha liorta nun mercado
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os xulgados da Parda blíndanse polo conflicto entre 'Morones' e 'Zamoranos'
Por Redacción |
-
Suspendido o xuízo contra Sinaí Giménez e varios dos seus irmáns pola ausencia de tres deles
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada