O Salnés, punto de partida do PP provincial para preparar as eleccións autonómicas
Por Redacción
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión cos alcaldes e portavoces da comarca do Salnés co obxectivo de analizar os novos escenarios políticos trala constitución das corporacións municipais e fixar os obxectivos para as eleccións autonómicas do próximo ano. Este encontro, no que tamén participou o secretario xeral, Xosé Manuel Cores Tourís, é o primeiro dunha rolda que levará a Rueda por todas as comarcas da provincia.
A reunión celebrouse en Cambados e nela participaron o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; de Sanxenxo, Telmo Martín; e o de Meaño, Carlos Vieites. Asistiron tamén os portavoces de Cambados, Luís Aragunde; do Grove, Beatriz Castro; da Illa, Juan José González; de Ribadumia, Martín Vázquez; e o número dous de Vilagarcía, Miguel Ángel García.
"A idea é traballar desde o minuto un e para iso o fundamental é estar en contacto permanente cos presidentes locais, que son os que están ao pé dos veciños. Temos a tarefa de seguir recuperando posicións, como fixemos desde as xerais ata as municipais”, dixo Rueda.
O presidente provincial aludiu á constitución da Deputación Provincial e insistiu en estar en contacto cos concellos para que as súas demandas sexan atendidas no organismo provincial. “O novo grupo do Partido Popular na Deputación, que no Salnés terá a Paz Lago e a Javier Tourís como representantes, é unha garantía de que vai ser así”, rematou Rueda.