Piden maior seguridade no Burato do Inferno e o peirao de chegada á Illa de Ons
Por Redacción
A Asociación Ecoloxista Anduxía de Bueu denuncia a falta de seguridade en varios puntos da Illa de Ons, entre eles, o coñecido como Burato do Inferno e o peirao de acceso e demanda do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra medidas para poñerlle fin.
O colectivo acaba de enviar escritos á Autoridade Portuaria e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas para denunciar a situación en relación cos puntos que son responsabilidade de cada administración: o peirao e o Burato do Inferno, respectivamente.
O escrito enviado ao Parque Nacional expón que nos últimos anos aumentou a afluencia de xente ao Burato do Inferno ao tratarse dun lugar espectacular e emblemático e que é unha zona altamente perigosa para o visitante dados os cantís próximos -unha altura que roldan os 80 metros- e a profundidade do propio Burato -50 metros-. Na súa opinión, calquera caída ou despiste nesta zona tería consecuencias mortais para os visitantes.
Nesta zona o Parque Nacional instalou uns carteis advertindo do perigo de asomarse ao interior, pero a asociación ecoloxista considera que que a varanda debería cubrirse con algún tipo de malla ou cable para aumentar a seguridade do mesmo. Ademais, sinalan que a zona de detrás do panel interpretativo de Burato ten un precipicio perigoso, polo que debería instalarse outro cartel de perigo.
En canto ao escrito enviado á Autoridade Portuaria, e asinado polo vicepresidente de Anduxía, Jesús Pérez Piñeiro, solicita que se instalen unhas varandas a ambos lados do peirao de Ons para mellorar a seguridade do acceso dos visitantes a illa de Ons en prevención de futuros accidentes que poidan acontecer.
A súa proposta é que sexa de aceiro inoxidable ou un material similar dada a proximidade do mar e insisten en que a circunstancia máis perigosa que se atopan os visitantes de Ons é que non existen varandas a ambos lados do peirao, co cal pode producirse facilmente unha caída ás rochas que o rodean.