A Xunta contribuirá a financiar a nova residencia para persoas con discapacidade de Xoán XXIII
Por Redacción
A Xunta de Galicia aumentará a colaboración coa asociación Xoán XXIII e financiará parte da nova residencia para persoas con discapacidade que esta entidade prevé construír en Pontevedra.
Así o anunciou este martes a conselleira de Política Social, Fabiola García, con motivo da visita aos centros de día e ocupacional que Xoán XXIII ten en servizo no municipio.
Durante a visita, a conselleira destacou os 50 anos de traxectoria de Xoán XXIII en favor da mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias.
En relación coa futura residencia da entidade, explicou que a Xunta vaina financiar con cargo á convocatoria de subvencións do 0,7% do IRPF correspondente ao ano 2018. En concreto, destinará 180.000 euros a esta actuación.
O proxecto suporá un importante avance na atención á discapacidade en Pontevedra e na súa área de influencia e tamén implica ampliar a colaboración da Xunta coa Asociación Xoán XXIII, á que destina na actualidade 1,5 millóns de euros para financiar 166 prazas nos centros de día e ocupacionais que a entidade ten en Pontevedra e en Cangas, así como nas vivendas e pisos tutelados que xestiona no concello pontevedrés.
CAMPAMENTOS SPECIAL OLYMPICS
Fabiola García participou este martes en varios actos en Pontevedra. Un deles foi a presentación na residencia de Afundación do programa de vacacións de verán de Special Olympics, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Esta iniciativa fai posible que 325 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento pasen as vacacións en estadías en diferentes puntos de Galicia. Desenvólvese entre os meses de xuño a setembro e ofrece ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades, cuxa principal finalidade é potenciar a participación na sociedade das persoas con discapacidade intelectual, a convivencia e o goce de maneira normalizada e en igualdade de condicións ao resto de cidadáns.
O obxectivo é ofertar diferentes actividades de lecer que permitan a inclusión na contorna das persoas con discapacidade intelectual e contribuíndo á súa visibilización. En concreto, as quendas de vacacións terán unha duración de 9 días cada un, e repartiranse entre A Residencia de Afundación (Pontevedra), o Colexio Santiago Apóstol (Arcade) e Dinajam (Vilanova de Arousa).
A conselleira destacou que o obxectivo primordial desta iniciativa é a plena inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e que a Xunta traballa da man con todas as entidades para conseguilo. Na súa opinión, empresas, administracións e asociacións deben seguir traballando da man para facer de Galicia "un lugar mellor e máis solidario".
O presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, agradeceu a colaboración da Administración e das institucións para dar continuidade un ano máis aos campamentos.