Interveñen 2.000 petardos á venda sen autorización nun posto das festas de San Xoán de Poio
Por Redacción
As pasadas festas de San Xoán celebradas en Poio deixaron como balance unha importante operación da Policía Local na que interveu 2.000 petardos nun posto de feira cuxo propietario carecía da correspondente autorización de venda.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, os artigos pirotécnicos foron entregados no servizo de Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil.
En canto ao vendedor, a Policía Local propuxo que a Subdelegación de Goberno en Pontevedra lle impoña unha sanción por unha infracción á lei 4/2015 de seguridade cidadá.
Os feitos ocorreron o pasado 27 de xuño, último día das festas de San Xoán. A Policía Local fora requirida por varias persoas pola presenza de menores tirando petardos entre os coches e a zona de xogos da Reiboa.
Tal comportamento estaba a xerar unha situación de perigo para nenos e maiores, de modo que a Policía Local procedeu a localizar a orixe deses petardos. Pescudaron que se vendían nun posto de feira e interviñeron toda a mercadoría que quedaba. En total, fixéronse con 2.000 artigos piroctécnicos expostos á venda ao público sen autorización correspondente.
A maioría dos artigos pertencen á categoría 2, cualificación que implica que teñen perigo medio e están destinados a ser utilizados ao aire libre en zonas de gran superficie e cuxo nivel de ruído non sexa prexudicial para a saúde humana. Ademais, sempre deben estar destinados a maiores de 18 anos de idade. Neste caso, o vendedor non cumpría ningún dos requisitos.