Pontevedra promove a contratación de 30 mulleres en risco de exclusión social
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acaba de xestionar a contratación de 30 mulleres en risco de exclusión na empresa Atunlo, unha compañía do Grove que traballa no sector conserveiro na que traballarán a media xornada durante un mes e despois terán posibilidade de quedarse.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a contratación propiciouna a Concellaría de Benestar, que xestiona a concelleira socialista Paloma Castro, a través do equipo de Inclusión Social.
Este equipo ten entre as súas funcións a busca de emprego para persoas en idade laboral e en risco de exclusión social e iniciou a mediados do mes de xuño un proceso para cubrir postos de traballo nesta empresa. Logo dun proceso de selección e de formación, conseguiuse a contratación de 30 mulleres por un período dun mes.
Ademais de abrirse a posibilidade a ampliar a duración dos contratos, tamén hai opción de que o número de contratacións suba de 30 a 75.
A Concellaría comezou cun proceso de preselección de persoas co perfil acaído á oferta da empresa. Logo dunha primeira fase de difusión, houbo unha xornada formativa na que participaron arredor de 80 persoas. Días despois, na Casa Azul realizouse a selección dos interesados no traballo.
Inicialmente había 41 persoas interesadas e 30 foron finalmente contratadas a media xornada. Comezaron a traballar o pasado sábado 29 de xuño.
Paloma Castro destacou a importancia deste contrato nunha dobre vertente, por un lado, pola incorporación de persoas en risco de exclusión ao engrañaxe do mercado laboral, e especialmente por tratarse de mulleres as que se suman ao traballo por ser "o sector máis precarizado e desprotexido".