Marín reacciona ás críticas pola localización dos feirantes e trasládaos ao campo de fútbol do Pituco
Por Redacción
O Concello de Marín reaccionou ás críticas xurdidas na mañá deste xoves pola instalación de multitude de camións e caravanas dos feirantes das festas do Carmen nos terreos do antigo campo de fútbol de Os Praceres.
A asociación de veciños Estriceres de Lourizán denunciou o que considera unha "ocupación ilegal" deste asentamento e o Concello de Marín respondeu asegurando que todo quedou resolvido e ao longo da xornada deste xoves xa se iniciou o traslado dos feirantes a unha localización alternativa, o campo de fútbol do Pituco en Marín.
Desde o Concello mostran o seu malestar polo feito de non ser informados previa e directamente das críticas. "Agradecésemos que alguén se puxese en contacto co concello antes de montar un balbordo innecesario", indican.
Segundo as explicacións realizadas desde o Concello, nos últimos anos os feirantes utilizaban unha parcela de propiedade particular cedida para este uso, pero na actualidade está a ser utilizada por unha empresa construtora que está a realizar obras de saneamento, de modo que para as festas do Carmen resultou imposible poder contar con esta localización dispoñible.
Do mesmo xeito que sucedeu coas atraccións da festa de San José de Cantodarea tramitouse a autorización da súa localización ante Costas, xa que é o organismo titular deste terreo, e outorgóuselle. Con todo, finalmente, ante o balbordo que xurdiu e a necesidade de que o Concello de Pontevedra dese o seu visto e prace, o Concello de Marín optou por buscar unha alternativa.
O Concello agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes de San Xulián, propietaria dos terreos do campo de fútbol ao que se trasladarán. Os responsables da organización das festas visitaron a zona e, tras comprobar que a parcela reunía as condicións, decidiuse o traslado.