Pablo Aguado, a novidade dunha feira taurina en Pontevedra que se desinfla
Por Marisa Ciordia
'Cando o río soa, auga leva' di o refraneiro. E a auga finalmente chegou este 2019. A Feira Taurina da Peregrina fai augas e a empresa Prazas e Touros, xestora da praza de Pontevedra, decidiu recortar a programación a dúas corridas de touros que se celebrarán o 10 e o 11 de agosto. Esta circunstancia xa viña teméndose nos últimos anos a teor dos comentarios do empresario como "a pesar de ser uns carteis de primeira non conseguimos que a praza se encha", "a crise en Galicia segue afectando á venda de entradas", argumentos que reiterou Eduardo Lozano na presentación dos carteis este venres.
Así as cousas a segunda fin de semana de agosto, comezo da Semana Grande de Pontevedra, ofrecerase un festexo mixto de rexones e unha corrida de touros. O sábado 10 o rejoneador Diego Ventura e os destros David Fandila 'el Fandi' e Pablo Aguado integran o cartel que completan touros de María Guiomar Cortes de Moura y El Torero - Doña Lola Domecq. Ese día a afección terá ocasión de ver á matador revelación da tempada, o sevillano Pablo Aguado, que tras cortar catro orellas na Feira de Abril de Sevilla e saír pola Porta do Príncipe colocouse como unha das maiores expectacións para o público.
O domingo 11 lidarán touros de Alcurrucén a terna conformada por Morante de la Puebla, Julián López 'el Juli' e José María Manzanares. Fin da cita.
Para tratar de contrarrestar o malestar xerado por esta decisión empresarial entre as penas da cidade, finalmente organizouse unha becerrada para o sábado 3 de agosto con erales do Cortijillo e Hermanos Lozano (ferros propiedade da casa Lozano) para tres alumnos da Escola Taurina de Albacete: Alberto Garijo, Carla Otero e Manuel Caballero, fillo do toureiro retirado do mesmo nome. Este festexo será gratuíto para idades entre os 12 e 21 anos (acompañados de adulto en caso de ser menores de idade).
"Arrimar o ombreiro"
Mostrado todo o 'percal' esfúmase esa máxima que en 2018 manifestou nos micrófonos de PontevedraViva Radio: "para esta feira non foi posible formalizar a retransmisión por televisión dunha das tardes, pero esperamos que para 2019 si sexa posible ver en televisión a Feira da Peregrina"; ou a posibilidade do regreso do ferro de Victorinos, ausentes desde 2012.
A decisión adoptada pola empresa para a próxima feira non sería, en principio, irreversible, segundo manifestou: "se isto vai para arriba, volveriamos retomalo" afirmaba Eduardo Lozano, apelando a "arrimar o ombreiro" entre todos. Un todos, que non parece mereza motivo de autocrífica para a empresa propietaria do coso de San Roque.
Relacionadas:
-
Mozos no despacho de billetes de San Roque: "Somos o futuro da afección de Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
Os antitouradas ven a feira de Pontevedra en "completo retroceso" e piden "erradicala"
Por Redacción |
-
Abren os despachos de billetes da praza de touros, coa novidade do abono novo ata os 24 anos
Por Redacción |
-
O día que o poeta Rafael Alberti se vestiu de luces na praza de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Colectivos antitaurinos censuran o acceso de menores á becerrada programada o 3 de agosto en Pontevedra
Por Redacción |
-
RADIO.- Talavante e os touros de 'Virgen María' o mellor da feria entre os afeccionados das Conversas na Ferrería
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: "Prometéronnos unha retransmisión televisiva para o ano que vén"
Por Marisa Ciordia |